Galicia ve "prioritario" un novo xulgado en Vilagarcía e pide outro para Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Comisión Mixta de Xustiza entre Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), entre outras medidas, ve "prioritaria" a dotación dun novo xulgado de primeira instancia e instrución en Vilagarcía de Arousa e propoñen outro de primeira instancia para Pontevedra.
No encontro participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde; o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, entre outros asistentes.
Nas prioridades da relación que se presentará ao Ministerio de Xustiza, acordada en base ás cargas de traballo das unidades xudiciais, figura un cuarto xulgado de primeira instancia para Vilagarcía de Arousa.
A petición inclúe ademais maxistrados para a Sección Segunda, penal, da Audiencia Provincial de Pontevedra.
A maiores demándase un xulgado de primeira instancia en Pontevedra.
A Xunta acepta e financia todas as unidades xudiciais que outorgue o Consello Xeral do Poder Xudicial, unha vez que chega a comunicación na que se establece o número asignado e comprométese a poñelas en funcionamento no menor tempo posible.
En total, a Comisión Mixta propoñerá ao Ministerio de Xustiza a creación de doce novos órganos xudiciais en Galicia. O Goberno aínda non comunicou o número de unidades xudiciais que prevé crear na comunidade este ano.