Seres indóMITOs: Ana Santos
Poida que sexa por nacer a esa hora ou por ser un número próximo ao tan polémico 13, pero sexa como sexa, as 12 é unha das miñas horas favoritas do día. Perfecta para tomar o aperitivo ou con marxe suficiente para facer un par de recados antes do xantar. Tamén é boa hora para entrevistar a unha muller que se xubilou, paradoxicamente, para poder seguir traballando.
Pasaba un minuto das 12 cando abrirse diante mina a porta da que claramente era a casa da miña entrevistada. E non o digo porque fose ela a que abriu dita porta senón porque era tal e como a imaxinaba..
Coñezo a Ana dende hai xa algúns anos, cando me deu clase, e a súa casa é un fiel reflexo da súa personalidade. Nela, a cor cobra vida dende o primeiro paso e en cada recuncho respírase a esencia, paixón e estilo de quen a habita. Uns maxestosos mobles de orixe familiar acompañados por outros de corte máis moderno e numerosos elementos decorativos fanme pensar que non hai nin un só obxecto que non albergue unha historia especial para Ana.
O percorrido termina na cociña, que segundo a nosa entrevistada, é o corazón da casa, e por ese mesmo motivo decidimos sentarnos alí.
Gústache cociñar?
Cando estou feliz cociño, aínda que son unha cociñeira social. Para min non me gusta porque me coido moito pero encántame facelo para outros.
Poderías definirte en tres palabras?
Traballadora, inquieta e incombustible.
De Pontevedra de sempre?
Si. Nada no que hoxe é a rúa Benito Corbal. Os meus pais naceron xa aquí os dous. A familia da miña nai era da parroquia de Xeve, onde naceu a miña nai, e a do meu pai da Estrada.
Como é a túa relación con Pontevedra?
Pontevedra encántame. Cando vou de viaxe sempre estou a pensar en volver. Aínda que, creo que a xente nova debería saír, ver o que hai no mundo e logo volver. Paréceme fundamental.
Cal é a maior traizón que te fixeches a ti mesma?
Non crer en min. Os meus irmáns eran máis listos que eu e a miña nai para non aturarme en casa, porque eu era moi rebelde, mandábame a todo tipo de actividades. Eu cría que tiña que demostrar máis que eles por ser muller e trataba de chamar a atención aínda que foxe descoidando os estudos.
Un plan que aborrezas?
Quedarme na casa vendo a tele. Deixar que o tempo pase por min, espántame! Dende que me xubilei non parei. Matriculeime na Universidade de Vigo e este ano curso unha materia de Maxisterio. É moi enriquecedor estar con xente moito máis nova. Coincidín con algún exalumno e é moi bonito ver como cambian as relacións.
Ademais, herdei dunha tía unhas pezas de traxe rexional que grazas á asociación Sete Espadelas souben valorar, non economicamente senón etnográficamente e cando mo piden desfilo con elas usando algún deses traxes. Síntome moi orgullosa porque me acordo da miña familia e para min é coma se a miña tía ou a miña avoa levasen posto o traxe. É unha homenaxe. Como ves, non paro!
E entre todo o que fas, algo que fagas que crías que nunca farías?
Repito moitas cousas que facía o meu pai e que pensei que xamáis faría. Cando vexo unha necrolóxica de alguén que ten 70 anos ou así, recordo cando o meu pai chamaba “rapaces” aos desa idade e eu ríame… que razón tiña!
Un ano sen ir a misa ou un ano sen ir de festa?
Sen dúbida un ano sen ir a misa. Só vou nos funerais porque creo que hai que acompañar á familia e ao falecido pero despois… de pequena sí por herdanza de costumes familiares pero despóis te preguntas, para qué?
No laboral, na túa etapa en activo como profesora, desenvolviches moitos proxectos europeos co teu alumnado, que achegaron?
Enriquecéronme moitísimo no profesional e no laboral. Servíronme para valorar máis ao alumnado e á súa vez axudarlles a valorarse máis. Creo que serviron para abrirlle os ollos á realidade. Moitos a día de hoxe dinme que queren irse ou que grazas a aquela primeira toma de contacto fóronse a traballar fóra. Estou moi agradecida por poder desenvolvelos.
A maior lección que che dera un alumno?
Non sabería dicirche. Pero creo que a reflexión sobre iso cometa unha vez te xubílas e aínda estou nesa fase. Os agradecementos veñen a posteriori. Ninguén me dixo que fun inxusta nalgún momento e iso é moi importante para min. Mentres exerces es o ogro que esixes, que pos notas, daquela iso pasa e queda o bo. Encántame que me paren pola rúa e que me pidan consello. Recibo a moitos no espazo Arroelo que veñen preguntarme porque saben que estou ao día en moitos temas de proxectos europeos. Fixen moitos contactos durante a miña etapa en activo e iso valórano moito.
Canta importancia dáslle a coñecer xente na túa día a día?
Moita, se es un pouco aberto podes coñecer a xente a diario e iso é moi importante como tamén o é saber coidar as relacións. Hai xente que só sabe pedir e trátase de que o beneficio sexa mutuo.
Mandar ou motivar? Como se acaba antes?
Pois me acabei dando conta de que motivando conséguese moito máis. Leva máis traballo pero a longo prazo é moito máis beneficioso. Cos alumnos vivinno, e non necesariamente ten que ser unha boa nota a fin de curso. Hai outras moitas formas.
No ano 2020 decides xubilarche e emprender un novo proxecto, qué che motivou a dar ese paso?
Antes de xubilarme sabía que quería facer un blog dedicado a persoas de máis de 60 anos que promovese o envellecemento activo, pero realmente non sabía cómo. Doutra banda vía que había xente moi nova que necesitaba entrar a traballar. Eu levaba 35 anos e crin que era momento de pasar a testemuña. Ademais xubilábanse 8 compañeiros dos de sempre e crin que así se pechaba unha etapa.
Ese blog 'De vella a bella', cando tomou forma?
Xubileime en xuño e ao mes seguinte convidáronme a pasar 15 días no Co-living Anceu. Alí estiven en contacto con moita xente nova que entendía máis que eu de novas tecnoloxías e grazas a eles o proxecto tomou forma. Fixéronme tomar unha perspectiva máis realista do mesmo. Eu pretendía facelo a nivel internacional e deime conta que iso era inabarcable. Atopei unha moza á que contratei para que me crease a web, asumindo eu todos os gastos, e posteriormente busquei ao que sería o equipo.
Custouche atopar a xente que quixese participar?
A verdade é que non. Tiña moi claro que non quería facer unha asociación e tampouco quería que houbese diñeiro polo medio. Somos un colectivo e ao non haber papeis polo medio todo é moito máis cómodo. Tanto para empezar a participar como para deixar de facelo. Só unha persoa púxome unha condición e era que o proxecto fose en galego.
Aceptáchela?
Por suposto. Eu non o falo habitualmente porque na miña época non puiden estudalo pero sempre o entendín porque era o que se falaba en casa. Alégrome de poñerme ao día co meu idioma materno.
Que perfil buscabas?
Buscaba e sigo buscando, a persoas de máis de 60 anos, xubilados ou non, que estean dispostas a traballar de moi distintas formas. Teño compañeiros aos que lles apaixona viaxar e fan pequenas guías de viaxe, temos escritores, cocinillas que suben as receitas a Youtube. Todo o mundo pode achegar algo.
Pasaches de dirixir unha clase chea de adolescentes a un grupo con xente de máis de 60 anos. Quen se deixa mandar mellor?
Obviamente os alumnos, ao estar nun réxime de estudo que implica ter que poñer unha nota, sempre obedecen máis pero realmente diríache que por igual. O importante é, como comentamos antes, a motivación.
Este blog reivindica ao colectivo +60 anos, dime qué temas crees que se aparcan ou que non se abordan ao chegar a esta idade?
Algo polo que non se pregunte á xente de máis de 60 é polo amor. Moitas veces pénsase que cando te xubilas falo en todos os sentidos e non é así. Teño uns tíos que casaron con 70 anos e a xente ría deles. Agora enténdoos á perfección. Sei que vivín máis da metade da miña vida pero véxome fantástica e digo por qué non o ían a facer? (Risas)
A Ana, Pontevedra sábelle a tranquilidade, chéiralle a fogar, vea da cor da pedra (que non gris porque é unha cor que se asocia coa tristeza) e sóalle a cultura. Definitivamente, Ana sente Pontevedra
O CUESTIONARIO:
- Nunca saio de casa… sen almorzar.
- Na miña neveira sempre hai… licor café.
- No meu armario destaca… a cor.
- A idade é… experiencia.
- Sempre fun o ollo dereito de… ninguén.
- Pontevedra ten alma de… meiga.
- Creo en… min.
- O ano que marcou a miña vida foi… 2020.
- O mellor agasallo que me poden facer é… compañía.
- O meu lugar no mundo é… Pontevedra.
- Se non puidese vivir en Pontevedra, viviría en… Galicia, preto da costa.
- O meu momento favorito do día é… o amencer.
- Pontevedra… sempre.