'Trouleando en Soutomaior', o espazo de conciliación para este verán
Por Redacción
O Concello de Soutomaior pon en marcha o programa 'Trouleando en Soutomaior', destinado á conciliación da vida familiar e laboral durante os períodos non lectivos para as familias con crianzas empadroadas neste municipio e que teñan entre 3 e 11 anos de idade.
Este venres a concelleira de Igualdade e de Benestar, Rosana Martínez Boullosa, a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Cristina García e a técnica de Igualdade, Marga Taboada, presentaron esta iniciativa.
Este ano, como novidade, tamén se oferta outro espazo concilia con actividades destinadas e concretas para mozos de 12 a 16 anos.
O horario deste 'Trouleando en Soutomaior', para todas as idades, é de 9 da mañá ás 14 horas, pero existe a posibilidade de entrar ás 8 (aula matinal) e de saír ás 15 horas. Polo tanto existen catro horarios a escoller: opción 1: de 9 a 14 horas; opción 2: de 8 a 14 horas; opción 3: de 8 a 15 horas; e opción 4: de 9 a 15 horas.
Este programa está subvencionado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, a través da consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
En relación ás inscrición e a asignación de prazas: a inscrición das solicitudes pode facerse ata o 24 de maio na páxina web do Concello de Soutomaior para crianzas de 3 a 11 anos, ou para mozos de 12 a 16 anos ou nas oficinas do CIM os martes o venres de 9 a 14 horas ata o venres 24 de maio.
O campamento desenvolverase durante a última semana de xuño, os meses de xullo e de agosto e a primeira semana de setembro no edificio Multiusos de Arcade.