Doce concellos pontevedreses ingresarán dous millóns tras a caducidade da bonificación a Audasa pola AP-9
Por Oskar Viéitez
A concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa pagará algo máis de dous millóns de euros polo Imposto de Bens Inmobles (IBI) a 12 concellos da provincia de Pontevedra debido a que neste 2024 xa caducou a bonificación do 95% da que se beneficiaba.
O ORAL da Deputación de Pontevedra, que é o órgano descentralizado que colabora cos concellos en materia tributaria, cobrará agora o 100% do imposto a Audasa pola explotación da autoestrada.
Deste xeito os concellos de Barro, Caldas de Reis, Meis, Moaña, Mos, Poio, Pontecesures, Porriño, Portas, Tui, Valga e Vilaboa pasarán dos 118.736 euros recadados o ano pasado aos 2.013.310 euros que percibirán entre todos este ano 2024, ao caducar a bonificación.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López asegurou que "a Deputación, dentro da súa mínima marxe de manobra, traballou para que a AP9, en lugar de tanto custo, deixase maiores ingresos para a cidadanía de Pontevedra", concretamente nos municipios que atravesa a autoestrada.
"Grazas aos traballos da Deputación" dixo Luis López "unha ducia de concellos de todas as cores da provincia pasarán a ingresar 1,8 millóns de euros máis en concepto de IBI".
Deste xeito, Barro pasa de percibir 9.000 a recibir 187.600 euros; Caldas, de 16.700 a 335.000 euros; Meis, de 193 a 3.800 euros; Moaña, de 19.000 a 20.000 euros; Mos, de 8.400 a 170.000 euros; Poio, de 1.700 a 34.000 euros; Pontecesures, de 3.500 a 71.000 euros; O Porriño, de 11.100 a 224.000 euros; Portas, de 7.700 a 154.500 euros; Tui, de 7.700 a 154.500 euros; ou Valga, de 21.700 a 435.000 euros.
Luis López expresou a súa satisfacción porque por primeira vez "podemos falar da AP-9 en termos de ingresos" aos concellos e non exclusivamente en calidade de gasto para os veciños da provincia.
O presidente da Deputación de Pontevedra contrapuxo esta noticia positiva fronte á recente decisión da Comisión Europea de abrir un expediente de infracción ao Goberno español por ampliar a duración da concesión a Audasa da autoestrada AP-9 sen aplicar correctamente os procedementos de licitación e infrinxindo as normas da Unión Europea. Unha cuestión da que o Executivo central "non informou en absoluto", criticou Luis López.
Pola contra, o mandatario provincial aplaudiu o acordo de Portugal para liberar as peaxes vixentes desde 2010 e recuperar a gratuidade na A-28 que conecta a fronteira galega en Caminha e O Porto por Viana do Castelo. Unha medida que "ten especial incidencia na provincia de Pontevedra, onde hai subidas indiscriminadas ano tras ano", manifestou Luis López.
Relacionadas:
-
A Deputación ten previstos investimentos por un millón de euros en Caldas de Reis para este ano
Por Oskar Viéitez |
-
Sete vehículos implicados e unha persoa ferida nunha colisión múltiple na AP-9 en Portas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Retencións na AP-9 polo envorco dun vehículo á altura de Salcedo
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Controlan o combustible perdido por un camión con madeira envorcado na AP-9 á altura de Barro
Por Redacción |
-
O PP galego pon o foco no Congreso no cumprimento da promesa do Goberno de eliminar as peaxes da AP-9
Por Redacción |