A pontevedresa María Casero presenta un prototipo de panel solar adaptado aos centros históricos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
María Casero Vaamonde é unha emprendedora pontevedresa que ten en marcha un proxecto denominado Lume'n, co que busca unha alternativa enerxética principalmente para os centros históricos e espazos protexidos.
A idea xurdiu cando a súa avoa de 92 anos, residente no centro histórico, recibiu unha factura elevada da compañía da luz. María Casero quixo buscar alternativas que permitisen unha baixada do consumo e pensou en aproveitar a enerxía solar a través dun sistema fotovoltaico limpo. Pero atopouse coas trabas da Unión Europea, que impide a instalación de paneis solares nas fachadas e nos tellados das zonas monumentais das cidades, protexidos patrimonialmente.
Por este motivo decidiu emprender o desenvolvemento dun panel solar de pequeno tamaño que se instale nos cristais das ventás e que permita, cando menos, cubrir a iluminación dunha vivenda.
Este venres presentaba na rúa Alhóndiga este prototipo novo de panel solar cunha torre transformadora, do tamaño dun PC. A creadora indica que son elementos totalmente reciclables, sen aluminio, e adaptables aos domicilios ata o punto de permitir unha independencia enerxética.
Casero, acompañada polo concelleiro Xaquín Moreda, explicaba que este sistema de enerxía limpa é móbil e, por tanto, ofrece a posibilidade de trasladalo dunha zona a outra da vivenda con maior recepción de radiacións ou tamén transportalo a un segundo domicilio.
O prototipo presentado ofrecería independencia lumínica e o seu prezo oscilaría os 500 euros. "Non hai nada así. Ninguén vira esta opción", sinalou explicando que o modelo presenta unha pequena placa solar que se instalaría nas xanelas sen provocar penumbra.
Indica que mesmo en períodos nubrados, o sistema dotado do cristal con efecto lupa capta a luz para convertela en enerxía.
"Probeino en Semana Santa, que tivemos mal tempo tremendo e con días nubrados, e sempre estaba en modo carga. Cargou sen problema e tiven independencia de luz", apunta sinalando que hai células fotovoltaicas que recollen a luz mesmo con baixa radiación.
Ao 100% de rendemento o panel ten unha vida de cinco anos; ao 90%, ascende a quince anos de durabilidade e ao 80% a vinte anos. "Dámoslle unha patada á obsolescencia programada", manifesta. O problema preséntase coa vida útil das baterías de litio, que é curto, pero Maria Casero indica que se está traballando noutras opcións dentro do mercado.
A súa idea é que se comecen a instalar nos centros históricos e tamén lle atopa posibilidades nos pisos onde hai conflitos coa instalación do paneis solares nas cubertas.
Relacionadas:
-
As prazas de abastos de Vilagarcía e Vilaxoán contarán con puntos de carga para vehículos eléctricos
Por Redacción |
-
O primeiro proxecto piloto da comunidade enerxética da Illa de Arousa por fin verá a luz
Por Oskar Viéitez |
-
Quince paneis solares farán da Praza do Regueiro un espazo autosuficiente enerxeticamente
Por Redacción |