Concedida a licenza municipal para construír o novo centro de saúde de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
A demanda do novo centro de saúde para Vilagarcía está cada vez máis preto de converterse en realidade.
O Concello completou este xoves a parte da tramitación que lle correspondía realizar concedendo a licenza para a construción da infraestrutura sanitaria nos terreos da avenida da Mariña.
O alcalde, Alberto Varela, congratulouse de que, "despois dos anos que levamos xestionando, negociando e facendo os trámites para que esta demanda histórica poida cumprirse, o traballo máis duro xa está feito. Simplemente queda executar unha actuación que xa ten proxecto técnico e construtivo, e os fondos europeos para financiar a obra".
Con este permiso municipal, e despois de que a semana pasada se oficializase ante notario a cesión ao Sergas do solar da antiga Comandancia, o rexedor socialista solicita ao goberno autonómico que "tal como fixo o Concello, cumpra con dilixencia e con celeridade a súa parte do acordo acadado para que os veciños e veciñas de Vilagarcía poidamos contar co centro de saúde que merece unha cidade de case 40.000 habitantes en pleno século XXI".
Varela lembrou que os responsables da Xunta anunciaron durante a pasada campaña electoral que a obra se ía licitar no mes de febreiro, "pero seguimos esperando e os fondos europeos teñen un prazo de execución determinado".
A construción da infraestrutura sanitaria está presupostada en 14 millóns de euros. Segundo as previsións anunciadas o ano pasado polos responsables autonómicos, o edificio debería estar rematado en 2026.
A continuación, a Xunta aínda tería que dotalo de mobiliario, dos equipos técnicos e do persoal que, o Concello espera que se reforce, "dada a precaria situación na que se atopan dende hai anos o plantel do ambulatorio e o PAC de San Roque".
Relacionadas:
-
Os centros de saúde conciencian sobre a hixiene de mans para previr infeccións
Por Oskar Viéitez |
-
Prevén que o novo centro de saúde de Vilagarcía estea operativo en 2026
Por Redacción |
-
A Xunta solicita a licenza de obra para o novo centro de saúde de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Vilagarcía aforra 100.000 euros na demolición do edificio da antiga Comandancia
Por Redacción |