Campo Lameiro quere converter a antiga escola de Couso en vivendas para alugueiro social
Por Redacción
A antiga escola de Couso podería ter unha segunda vida se frutifica o proxecto que quere poñer en marcha o goberno municipal de Campo Lameiro.
A intención do Concello é afrontar un ambicioso proceso de transformación para que este inmoble se converta en tres vivendas que estarían dedicadas a alugueiro social.
Ademais, quedaría un local libre para uso veciñal.
Campo Lameiro busca así facilitar o acceso a unha vivenda digna das familias do municipio que o precisen, ao tempo que con esta medida se rehabilitaría un edificio en desuso e se aproveitaría para incentivar o enraizamento da poboación.
As persoas interesadas en habitar unha destas tres vivendas, que se concederán en réxime de alugueiro e a un prezo reducido, deben poñerse en contacto co propio Concello.