O Club de Xubilados de Portonovo e o Concello homenaxearán a Manolo Bea
Por Redacción
O Club de Xubilados de Portonovo e o Concello de Sanxenxo renderán homenaxe a Manolo Bea. Será este mércores, 1 de maio, a partir das 11:30 horas, na sede do colectivo.
"É o momento de devolverlle parte do tempo que lle leva adicado aos demais e ao desenvolmento cultural de Portonovo", asegura Jesús Carballa Lima, presidente do Club de Xubilados de Portonovo.
Manuel Bea (1934) foi un impulsor da vida social, cultural e deportiva na vila mariñeira. Organizou o Enterro da Sardiña durante máis de trinta anos, fundou Os Gatiños de Portonovo, motivo polo que recibiu a Raia de Ouro en 2004 e creou a Asociación de Veciños de San Cristóbal.
Tamén participou nas primeiras Anpas de Portonovo, colaborou coa directiva do Club de Fútbol de Portonovo e presidiu a comisión de festas ata en dúas ocasións. Unha vida que recompilou nun libro "As miñas memorias e algo máis" presentado en 2019.
En 1969 comezou a colaborar cunha ou dúas crónicas semanais co xornal "El Pueblo Gallego" e seguiu escribindo como colaborador do Faro de Vigo ata 1986. Nos últimos anos, tamén colaborou con algún texto nos libros das xornadas anuais de "Sanxenxo na Historia".
A súa profesión como ebanista levoulle a realizar maquetas, de maneira completamente artesanal, con madeira, cartón e escaiola, como a réplica dun taller de cordelería para barcos de principios do século XX; un muíño eléctrico de 1930, que foi propiedade do seu pai, José Bea Vázquez; o prototipo dunha batea de cría de mexillón; a Casa Mariñeira de Don Fernando e a contorna da Ermida de Nosa Señora da Lanzada.
Relacionadas:
-
Novos desprendementos no muro dunha vivenda na praia da Carabuxeira
Por Diego Espiño |
-
Comeza Portonovo Gastronómico con showcooking e exposición veciñal
Por Redacción |
-
En liberdade con cargos un home ao que sorprenderon pola rúa cun televisor, un taladro e bebidas que acababa de roubar
Por Oskar Viéitez |
-
Queixas polo deterioro da principal vía de acceso ao Porto Deportivo de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |