Máis de dous anos en lista de espera para que a súa filla sexa atendida por un logopeda
Por Redacción
Patricia é veciña de Pontevedra. Ten unha filla de oito anos. A menor está diagnosticada de trastorno do espectro autista e estivo a recibir asistencia en Atención Temperá do Hospital Provincial con logopeda ata os seis anos, que é cando conclúe a prestación da devandita Atención Temperá.
Naquel momento a foniatra que atendía á menor deulle o alta e derivouna a Logopedia, que no caso do CHOP estaba concertada coa sanidade privada e prestábase no Hospital de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud de Poio. "E dous anos e tres meses despois sigo á espera desta asistencia que lle tiñan prescrita", denuncia esta muller.
Dado o silencio que manifestaba o servizo asistencial, Patricia remitiuse hai un ano a Atención Primaria urxindo unha atención para a súa filla xa que "é algo fundamental para ela nesa idade". En Atención Primaria remitírona ao centro privado onde lle indicaron que "a lista de espera era moi longa". O pasado outono ofrecéronlle opción de visita ás 14.30 horas, pero "resultábanos imposible porque a nena a esa hora está aínda no colexio".
Este xoves 22, esta nai presentou reclamación en Atención ao Paciente, primeiro porque "necesita esas sesións que lle corresponden porque ademais a nena comunícase pero non fala"; e segundo, ante a incertidume que lle provoca o feito de que se rescindiu o concerto e por tanto que o servizo de Logopedia volva ao Hospital Provincial.
"Ela vai crecendo sen atención do Sergas. Como ela somos unha chea de afectados, unha chea de nenos con diversidades que necesitan un logopeda", lamenta. A información que acadou é que o servizo de Logopedia asume a lista de espera que había no centro concertado e que se contratou un profesional máis para engadirse ás dúas que prestaban esta atención sanitaria; unha na quenda de mañá e outra na quenda de tarde.
Con todo, cambios na xestión e incorporación dun profesional, esta veciña de Pontevedra seguirá reclamando en Atención ao Paciente se a falta desta prestación se prolonga, ou recorrerá ante as instancias ou ás accións que sexan precisas.
Relacionadas:
-
O alcalde de Barro mediará para que unha menor do municipio siga recibindo atención de Logopedia no Sergas
Por Redacción |
-
Bueu reanuda este luns o Servizo de Atención Temperá
Por Redacción |
-
Sanxenxo estrea unha nova unidade de atención temperá para nenos de 0 a 6 anos de todo o sur do Salnés
Por Redacción |