José Enrique Abalo
Armas de distracción masiva?
No complexo panorama político actual, onde a polarización e a tensión parecen ser a tendencia dominante, puxéronse de moda dúas expresións: lawfare e a máquina da lama.
A principal diferenza entre a estratexia " lawfare" e a "máquina da lama" reside nos seus enfoques e métodos:
- Por "lawfare" referímonos ao mal uso dos procedementos legais para debilitar a un adversario político. Isto pode implicar o emprego excesivo de demandas, investigacións penais ou acusacións infundadas para perseguir, intimidar ou desacreditar a un opoñente. Este uso estratéxico do ordenamento xurídico para perseguir obxectivos políticos converteuse nunha perigosa ferramenta que ameaza os alicerces das democracias.
- Mentres que a "máquina da lama", expresión acuñada por Umberto Eco na súa obra "Apocalíptica e integrada", refírese á difusión de informacións negativas, escandalosas, rumores ou acusacións falsas co fin de danar a reputación dunha persoa ou entidade. Isto realízase principalmente a través dos medios de comunicación, das redes sociais e outras plataformas de difusión, sen que necesariamente impliquen trámites legais.
Por iso, mentres que o "lawfare" céntrase no uso manipulativo do sistema xurídico para acadar obxectivos políticos, a "máquina da lama" dedícase a difundir desinformación e calumnias para desprestixiar a un individuo ou grupo; ambas teñen sen dúbida consecuencias desastrosas.
É fundamental entender que non son simples tácticas políticas, senón un ataque directo aos valores esenciais da democracia. Por tanto, é imprescindible tomar medidas urxentes para erradicar estas prácticas do noso sistema político.
Fálase, ultimamente moito, de parar estes hábitos e a da rexeneración da democracia, pero pouco se aclara sobre que accións, cambios ou medidas hai que activar para salvagardar a democracia e construír sociedades máis xustas e ecuánimes.
É obvio que vivimos nunha era de desinformación e propaganda, onde as elites económicas e políticas controlan a narrativa dominante para manter o seu poder. Polo tanto, é fundamental o pensamento político crítico e poñer en marcha unha serie de medidas concretas que fomenten unha maior participación cidadá e que redistribúan o poder de forma máis equitativa. Elas poderían ser algúns dos antídotos para arrebatarlle o control ás grandes corporacións e gobernos.
Sinalamos aquí seis accións urxentes que deberían propoñerse para avanzar nesa chamada rexeneración democrática:
- Sistema de listas abertas: establecer un sistema de listas abertas nos procesos electorais. Isto implicaría reformar o artigo sexto da Constitución e a actual Lei de Partidos de 2002. O obxectivo sería que os cidadáns elixan directamente aos aspirantes das listas presentadas polos partidos políticos.
- Eleccións primarias obrigatorias: implantar un sistema obrigatorio de eleccións primarias para a selección de candidatos electorais. Os partidos políticos non son meras asociacións privadas; as súas funcións e o poder que teñen esixen unha maior participación cidadán na designación dos candidatos.
- Revitalizar a educación cívica: a base dunha democracia saudable é unha cidadanía informada e comprometida. Precísase unha educación cívica sólida que fomente o pensamento crítico, a vivencia dunha cultura democrática dos centros educativos, a alfabetización dixital para detectar información errónea e a capacidade de debater as ideas con respecto.
- Reforzar a independencia xudicial: o sistema xudicial é o garante do Estado de Dereito e un freo ao abuso de poder. É fundamental protexer a súa independencia das inxerencias políticas e económicas. Isto implica dotalo de recursos adecuados, mecanismos de selección transparentes para os xuíces e promover unha cultura de respecto ás súas sentenzas.
- Promover a participación cidadá: a democracia non só pode ser representativa, senón que debe ser cada vez máis participativa. Hai que impulsar mecanismos para que a cidadanía tome decisións sobre a asignación de fondos para educación, sanidade e outros servizos públicos. Isto inclúe o fortalecemento dos orzamentos participativos, a creación de consellos cidadáns para políticas públicas específicas e o uso de ferramentas dixitais para a deliberación e a consulta popular.
- Democratización dos medios: potenciar a diversidade e a pluralidade no ámbito mediático, fomentando a participación cidadá na produción e difusión de contidos. Isto pódese conseguir mediante a creación de medios comunitarios e cooperativos, así como políticas que limiten a concentración da propiedade dos medios e garantan un acceso equitativo á información.
En definitiva, non debemos conformarnos con ser simples espectadores do circo político e económico. É o momento de coller o touro polos cornos e reclamar o noso lugar como cidadanía. Un mundo mellor será posible, pero só se estamos dispostos a pensar diferente e actuar en consecuencia.