As Rexoubeiras de Retrouso acadan o terceiro premio no concurso de canto tradicional en Santiago
Por Redacción
O xurado da segunda edición do concurso de Canto e Percusión Tradicional Retranqueiros de Ames, en Santiago de Compostela, galardoou co terceiro premio ás pandereteiras da Asociación Cultural Retrouso de Cela (Bueu).
Trátase da primeira vez que obteñen un recoñecemento oficial nun dos principais certames de canto tradicional en Galicia.
Maruja Aguete, Paula Dios, Laura Filgueira, Diana Gil, María Lebrero e Aurora Pacheco, baixo a dirección de Belén Tievo, conseguían este galardón presentándose co nome de Rexoubeiras.
No certame participaron máis de cincuenta colectivos, unha decena deles na categoría Sénior, reservada para integrantes adultas, onde a agrupación de Cela lograba o premio.
Belén Tievo recoñece que "a nosa expectativa cos concursos non é a de gañar, senón a de coñecer o traballo doutras agrupacións, fixar unha meta a traballar nas aulas e sobre todo facer grupo, compartindo novas experiencias", pero todas as integrantes móstranse moi ilusionadas co premio "pois significa un recoñecemento ao traballo feito".
Precisamente, a agrupación Retrouso atópase en plena conmemoración do 25 aniversario da asociación que preside Iván Estévez e que terá como acto principal un festival previsto para o 10 de agosto.
Antes, as Rexoubeiras terán unha nova oportunidade de mostrar as súas habilidades coa pandeireta o domingo 12 de maio no concurso que organica a A.C. Soalleira, no municipio de Sanxenxo.