Abraham Cupeiro ofrecerá un concerto didáctico no Claustro do Edificio Sarmiento
Por Anxo Lourido
O sábado 11 de maio, ás 12.00 horas, os amantes da música teñen unha cita imprescindible no Claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra co multiinstrumentista Abraham Cupeiro.
O músico galego ofrecerá unha exploración de instrumentos de vento que se sitúan desde o Paleolítico ata o século XIX a través dun concerto pedagóxico.
O recital denominado 'Resoando no pasado' enmárcase nos actos organizados pola Deputación de Pontevedra con motivo do Día Internacional dos Museos, que se celebra na seguinte semana.
O concerto é gratuíto, pero as persoas que queiran asistir deberán realizar unha reserva previa.
O prazo para inscribirse ábrese este martes 30 de abril, a partir das 09.00 horas, a través do correo reservas.museo@depo.gal
No correo debe indicarse o nome da persoa solicitante e o teléfono de contacto. Reservarase un máximo de catro prazas por solicitude e serán atendidas por orde de inscrición.
Ao longo da súa interpretación, Cupeiro mostrará o son dunha pequena frauta de óso, datado no ano 46.000 a.C; ou o dun gran Sousaphone orixinal do século XIX. Á vez que interpretará pezas, o recoñecido músico contará anécdotas sobre estes elementos tan característicos.
Abraham Cupeiro é tamén un construtor de instrumentos que recuperou algúns perdidos no tempo. A súa fama fíxose internacional coa interpretación dos instrumentos antigos, o aulós e o carnix, nunha sesión celebrada no Museo do Prado.