Mención especial de National Geographic ás Rías Baixas como destino gastronómico
Por Redacción
Os lectores da publicación Viajes National Geographic acaban de outorgar unha mención especial á provincia de Pontevedra nos seus 'Premios de los Lectores de Viajes National Geographic 2024' .
A mención especial concedeuse na categoría de mellor destino gastronómico e entregouse no Club Allard (Madrid) tras tres semanas de votación en liña o pasado mes de febreiro.
A deputada de Turismo, Nava Castro, recolleu o galardón.
A revista destaca do destino Rías Baixas que "a combinación dos ricos mares, os verdes pastos e os fértiles viñedos permitiron que esta rexión se convertera nun fervedoiro de restaurantes exquisitos, rutas gastronómicas e experiencias co sabor como protagonista".
Ademais, Viajes National Geographic sinalou que o produto da provincia está sendo potenciado "cunha nova xeración de restauradores que potencian as receitas clásicas e exploran novas fronteiras".
A provincia de Pontevedra competía nesta categoría con Córdoba (que gañou o primeiro premio), Terres de l’Ebre, a Costa Guipuscoana e as Terras de Xaén.