Soutomaior promete un Nadal "solidario, comprometido, diverso e inclusivo"
Por Redacción
Co acendido das luces, Soutomaior entrará de cheo no Nadal a partir deste sábado 2 de decembro. Será cun acto na Alameda de Talo Río, ás 19:30 horas, co que arrancará todo un mes de actividades "solidarias, comprometidas, diversas, inclusivas e accesibles".
Así o destacou o alcalde, Manu Lourenzo, que presentou este martes a programación de Nadal de Soutomaior, que baixo o lema O Nadal das Persoas, promete que todos os veciños e veciñas "se sintan representadas e poidan formar parte e ser protagonistas neste Nadal".
O día 2, ademais da inauguración das luces, haberá unha mostra de produtos de Nadal das ANPAS do CEIP Manuel Padín Truiteiro e do CEIP de Ponte Sampaio en Talo Río, e as audicións da Escola de Música da Banda Artística de Arcade ás 17:30 no Multiusos.
Dende ese punto, ás 18:30 horas, arrancará o pasacalles Par de Dous, de Hípica Celta, que irá ata Talo Río. Será ás 19:30 na Alameda onde terá lugar o acendido de luces coa colaboración dos centros de maior Boas Apertas e de SoutoMaiores.
A partir das 20:30 La Duendeneta será a encargada de encher de música a Alameda de Talo Río.
Dende o 2 de decembro ata o 7 de xaneiro haberá un sinfin de actividades e obradoiros que se poden consultar neste enlace.
Ente as novidades máis destacadas nesta edición do Nadal está a Mostra de Artesanía que estará en Talo Río do 16 ao 23 de decembro ou unha casiña moi especial instalada en Talo Río pola que pasará o Apalpador, Papá Noel e a Carteira Real.
Ademais, o 30 de decembro será a primeira edición da Carreira San Silvestre Fest, para público familiar e serán moitos concertos os que se darán cita neste Nadal das Persoas.
Un dos máis destacados será o 23 de decembro ás 12:30 horas en Talo Río con Contos e Cantos de Nadal, protagonizado por Uxía Senlle (voz e percusión), Sergio Tanus (guitarra, viola caipira, cavaquiño e percusión de man) e Santiago Cribeiro (acordeón).
Tamén haberá o Concerto de Santa Icía da Banda Municipal de Música o 3 de decembro ás 13:00 horas no Multiusos de Arcade e o concerto da Coral Polifónica de Soutomaior o 4 de decembro ás 19:00 horas na Casa Cultural Regina Doval.
O espectáculo de Fuco e Xela da compañía Os Piñeiriños e o concerto Son das Tabernas tamén terán oco na programación, o 17 de decembro a sesión vermú estará amenizada por Desconcerto e o 22 de decembro Peter Punk aterrará ás 19:00 horas co seu espectáculo Chungo que te cagas.
A maxia deixará a súa pegada o 23 de decembro co espectáculo da compañía de Magia en la Manga ás 19:30 horas; e para o día de Noiteboa, o 24, serán Tabernarios os encargados de poñerlle o toque musical á sesión vermú.
O 29 de decembro será Adrián Lara o que ofrecerá a súa música latino americana e flamenco ás 20:00 horas e ás 21:00 horas será a Banda de Música Artística de Arcade a que porá en escena en Talo Río o seu Concerto de Nadal.
REIS MAGOS
O día 5 de xaneiro virá cargado de moitas citas que comezarán ás 10:30 horas no Concello cun contacontos de Tamara Campos e a recepción e visita do Reis Magos ás 11:00 horas, que posteriormente irán de visita aos barrios de Soutomaior.
Xa pola tarde ás 17:00 horas terá lugar a cabalgata de Reis dende o Calvario ata Talo Río, e, a partir das 18:00 horas comezará a recepción real na Alameda de Talo Río.
Haberá máis actividades que se pecharán cos Cantos de Reis o día 6 de xaneiro e o concerto de Reis de Abeleira de Alxán o 7 de xaneiro.
Relacionadas:
-
Chega o último día do Campamento de Nadal de Soutomaior
Por Redacción |
-
Música, maxia e moita ilusión en Soutomaior para as horas previas á Noiteboa
Por Redacción |
-
Fin de semana chea de música, arte e solidariedade en Soutomaior
Por Redacción |
-
Deste tronco sairá un Apalpador de madeira, grazas á habilidade de Marcos Mariño e a súa motoserra
Por Anxo Lourido |
-
Soutomaior estréase no circuíto das San Silvestre cunha carreira de dous quilómetros
Por Redacción |
-
A Deputación de Pontevedra programa actividades polo Nadal
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG denuncia a política "rancia e antigalega" do PP ao suprimir as actividades do Apalpador este Nadal
Por Redacción |
-
'Eu quero local' abre o Nadal no comercio e hostalaría de Soutomaior
Por Redacción |