Catro empresas optan ao contrato de subministro eléctrico do Concello de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Uns 2,7 millóns de euros. ÿ a cantidade que o Concello de Pontevedra reserva cada ano para pagar o subministro eléctrico do alumado público, os edificios municipais e os colexios. O contrato, que ata agora tiña adxudicado Gas Natural Fenosa, sae de novo a concurso. O goberno municipal prevé que a nova subministradora poida ofertar un desconto dun 10% con respecto ao prezo da luz no mercado.
Ao contrato, que será adxudicado no prazo de quince días unha vez estudadas todas as ofertas presentadas, optan Gas Natural Fenosa, Iberdrola, Endesa e Enerxía DLR, unha empresa con sede en Sevilla. Ata agora este contrato saía a concurso cunha duración dun ano, o que supoñía, segundo Raimundo González, certos problemas na tramitación por parte dos servizos municipais, polo que esta vez inclúese a posibilidade de prorrogalo ao seu remate.
Entre outros, este novo contrato inclúe toda a iluminación pública do municipio, as instalacións do Pazo da Cultura, o edificio municipal de Michelena, os colexios públicos ou o Polígono do Campiño. Só o primeiro concepto supón un custo anual de 2,2 millóns de euros. Quedan fóra do contrato aquelas instalacións cuxo consumo non superan os 10 quilovatios por hora.
Con respecto ao prezo da luz, Raimundo González explicou que a saída a concurso deste contrato non implica o Concello de Pontevedra logre reducir a factura eléctrica. Denunciou que nos últimos cinco ano, o seu custo creceu entre un 60 e un 70%, "un auténtico sablazo" que provoca que "teñamos unha das enerxías eléctricas máis caras de Europa". O único que esperan, sinalou, é conseguir "amortiguar un pouco" esta subida.