O Fin de Ano contará cun espectáculo piromusical en Sanxenxo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo quere apontoar o Nadal como a terceira tempada alta tras o verán e a Semana Santa cunha programación que arrinca o 1 de decembro e que se prolongará ata o próximo 7 de xaneiro.
A gran novidade deste ano será o espectáculo piromusical de Fin de ano, unha actividade xa consolidada na despedida do ano no municipio, pero que nesta edición contará con mestura de música e fogos de artificio.
O acendido da iluminación do Nadal farase na Praza de Pascual Veiga o vindeiro venres 1, ás 18 horas, e servirá para dar o pistoletazo de saída das actividades programadas durante as festas como o Ice Park Sanxenxo, un espazo de diversión con pista de xeo, unha pista americana de obstáculos, simuladores e actuacións que se situará no aparcadoiro de Nauta Sanxenxo. A actividade terá un custo de 7 e 5 euros con posibilidade de bonos para dúas actividades por 10 euros.
"Sanxenxo envórcase un ano máis co Nadal con importantes novidades e coa implicación dos colectivos nas distintas parroquias cunha oferta diferenciada e atractiva pensada para o goce de toda a familia", asegura Elena Torres, concelleira de Cultura e Eventos.
Os Cruceiros de Vilalonga organizarán unha "Aldea do Nadal", desde o 1 ata o 6 de xaneiro, na Praza Pública, a Asociación Xuvenil A Esmorga fará o "Bosque do Nadal" na Carballeira de Noalla, desde o 6 de decembro ata o 6 de xaneiro.
A Asociación Rúa dos Viños de Portonovo levará o espírito do Nadal á rúa cun mercado, talleres, animación e música. Abiñadoira participará co "Nadal Foliadeiro", cun pasarrúas e unha actuación na Praza de Pascual Veiga, e a Asociación Cultural Soalleira, farao con Panxoliñas co Apalpador.
Tamén se programou a obra "Ris Ras" de Baobab Teatro, dentro do programa Tornas ás Táboas e o espectáculo "O Pequeno circo de Nadal" e o cinema de 360º. As bibliotecas servirán de escenario para contacontos e panxoliñas con Axóuxeres e Panxoliñas de Nadal, na Biblioteca de Portonovo; "Brilla Brilla", contacontos de primeira infancia na Biblioteca de Sanxenxo e "Non Nadal toca Maxia" na Biblioteca de Vilalonga.
A Casa Mariñeira de Portonovo acollerá o 24 de decembro a recepción de Papa Noel desde as 18 ata as 19:30 horas. O espazo poderá visitarse ata o 7 de xaneiro. O Club Ciclista Corbelo organizará o seu tradicional Ciclocabalgata de Papa Noel con saída desde a piscina.
Non faltarán os Obradoiros de Nadal, do 26 ao 29 de decembro na Casa de Cultura de Adina, previa inscrición en sede electrónica nin tampouco un Showcooking de Cociña de Nadal a cargo do Obradorio de Hostalería do Salnés ou a Sesión Vermú coa Raíña do Vudú.
Para o público infantil, o Concello levará o espectáculo "Os Bolechas: Búscase" ao Pazo de Emilia Pardo Bazán o 28 de decembro con entrada gratuíta ata completar aforo.
Sanxenxo despedirá o ano ao grande o 31 de decembro coa "Queima do teu calendario" da Asociación O Cubreiro e o "Chapuzón por unha Ilusión", unha iniciativa solidaria coa Fundación Aladina na praia de Silgar. Pola noite, a partir das 20 horas, o espectáculo piromusical desde o porto deportivo de Sanxenxo.
O 5 de xaneiro o Tren Mago percorrerá as parroquias desde as 11 horas como previa á Cabalgata dos Reis Magos que partirá ás 16:30 desde a Lonxa de Portonovo coas súas Maxestades en coches antigos convertibles e concluirá na Praza dos Barcos cunha recepción. Pola mañá, ás 12:30 horas, a Asociación Soalleira realizará a tradicional Danza de Reis.
O 6 de xaneiro, a Banda de Música de Sanxenxo celebrará a partir das 19:30 horas o tradicional Concerto de Reis.
O 7 de xaneiro, na Praza de Pascual Veiga, fallarase o concurso de "Deslumbra co teu Nadal" no que se repartirán 3.250 euros entre as mellores decoracións de particulares e negocios.
Relacionadas:
-
'Unha noite na eira do trigo', película musical, será estreada no Auditorio Emilia Pardo Bazán
Por Redacción |
-
Un total de 31 escolares de Sanxenxo participarán na comitiva da Cabalgata de Reis
Por Redacción |
-
O 'Ice park' do aparcamento de Nauta incorpora un touro mecánico e un posto de algodón de azucre
Por Redacción |
-
O Nadal xa invade as rúas de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Todo preparado na Praza de Pascual Veiga para celebrar o aceso das luces do Nadal
Por Redacción |
-
Sanxenxo anima a comerciantes e veciños a "deslumbrar" coa súa propia iluminación de Nadal
Por Redacción |
-
Libros solidarios que alimentan a mente…. E tamén o corpo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Turismo de Sanxenxo saca a licitación a iluminación do Nadal por 257.699 euros por dous anos
Por Redacción |