A condutora kamikaze da AP-9 poderá quedar sin carné aos oito meses de sacalo
Por Natalia Puga
A condutora que a primeira hora da mañá do mares circulou en sentido contrario durante dez quilómetros da autoestrada AP-9 poderá perder o carné tan só oito meses despois de sacalo.
A moza, de 18 anos e veciña de Meaño, está citada para un xuízo rápido o próximo martes 13 de novembro no Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis.
Fontes xudiciais confirmaron que o fiscal esperará a coñecer todos os detalles do atestado da Garda Civil de Tráfico para formular a súa acusación, pero todo apunta a que o acusará dun delito do artigo 381.1 do Código Penal, isto é, conducir con temeridade manifesta e poñendo en perigo a vida ou a integridade das persoas.
Á marxe do tipo penal que se aplique finalmente, unha medida que si solicitará o fiscal é a retirada temporal do permiso de conducir, que, no seu caso, leva vixente tan só oito meses.
O fiscal sinala que a condutora foi temeraria, pero non suicida
Unha análise inicial dos feitos levan ao fiscal a sinalar que a condutora foi temeraria, pero non suicida. Unida a que a rapaza carece de antecedentes e é o primeiro incidente destas características que protagoniza, esta circunstancia levará o fiscal a aplicarlle a metade inferior da pena establecida para este delito, que sería de dous a cinco anos de cárcere. Se é o caso, como moito, enfrontaríase a un máximo de ano de cadea e nunca chegaría a estar privada de liberdade.
Os datos relativos ao incidente resulta contraditorios entre a versión policial e a achegada pola propia protagonista. Segundo ela, entrou na autoestrada en Pontevedra dirección Santiago e, cando se decatou de que non era o camiño que quería tomar, cambiou de sentido e comezou a circular en sentido contrario. Segundo a Garda Civil, xa entrou en sentido contrario na peaxe de Curro.
Segundo a Garda Civil, coa súa conduta provocou cinco accidentes porque os condutores dos vehículos implicados intentaron evitar a colisión frontal contra a infractora, véndose obrigados a desprazarse bruscamente á beiravía golpeando contra os valos de protección da calzada.