Stock Pontevedra, máis barato que na Teletenda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Empresas de decoración, de moda téxtil, de mobles, de complementos, de calzado, de deportes ou de antigüidades apostaron por estar presentes na feira de oportunidades Stock Pontevedra para desfacerse dos seus excedentes, pero hai máis. Entre os 60 postos que pode atopar o visitante hai varios que venden produtos que habitualmente só pódense adquirir na Teletenda e que nesta cita feiral tamén fan ofertas. Os produtos da tele son máis baratos en Stock Pontevedra que se se encargan por teléfono.
A feira abriu as súas portas este venres e os primeiros clientes mostraron especial interese por eses produtos, en especial por unha tesoira multiúsos con cinco follas que se pode adquirir a sete euros fronte aos 14,99 e gastos de envio que custa na Teletenda ou por unha fregona que ofrece un secado extra e por 5 euros "chupa más que Rajoy", sostén como reclamo o vendedor que fai as demostracións aos clientes.
Estes postos sucesivos de Stock Pontevedra acompañan o seu produto cunha televisión que repón os diferentes anuncios de Teletenda e chaman a atención dos clientes con exemplos prácticos como, por exemplo, o dun centro de frega que no recinto feiral pontevedrés se vende a 29 euros con dous repostos mentres un anuncio publicitario o anuncia de fondo por 39,90, gastos de envío á parte.
Á marxe destas curiosidades, a oferta é elevada. O cliente que se achegue ata o domingo ao recinto feiral poderán encontrar zapatos, disfraces, antigüidades, sofás, colchóns, robot de cociña Thermomix ou tixolas e potas de pedra, cerámica ou fundición artesá. E mesmo produtos de alimentación, dende chourizos a conservas (tres botes de Bonito do Norte por 20 euros).
Catro pares de calcetíns a 5 euros, reloxos entre 9 e 15 euros, bolsos de 12 a 24 euros, manteis antimanchas a 4,95, un pixama por 15 euros e dous por 25, zapatos a 10, botas a 20, abrigos a 35, tocados a 5 euros, traxes para nenos a 3 e 5 euros, bañadores a 12 euros, blusas a 25, colares a 8... A oferta é case ilimitada e hai outros produtos con prezos non tan chamativos que son de primeiras marcas e ofrecen ofertas que, de media, superan o 50 por cento sobre o prezo de venda en tenda en tempada e mesmo alcanzan os 60 ou 70 por cento nalgúns produtos.
"Aquí hay verdaderas gangas, busca, busca", ofrecen os comerciantes. A oferta visitárona este venres unha representación de autoridades que incluía a edil de Promoción Económica de Pontevedra, Carlota Román; o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra, Miguel Lago; o presidente de Aempe, José María Corujo; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís; ou a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez.
Os clientes xa podían entrar antes da inauguración oficial e poderán facelo tres días en horario de 11.00 a 21.00 horas previa entrada de 1,5 euros. Mentres os adultos compran, os nenos teñen gardaría gratuíta e hai tamén un servizo de cafetaría.
Relacionadas:
-
O Salón de oportunidades 'Stock Pontevedra' agarda superar as 20.000 visitas esta fin de semana
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Stock Pontevedra fai un exitoso balance de público e de vendas
Por Oskar Viéitez |
-
Stock Pontevedra empeza con bo pé e prevé, como mínimo, igualar as vendas de anos anteriores
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
60 comerciantes venderán os seus excedentes en Stock Pontevedra para "salvar un año catastrófico"
Por Natalia Puga |