Reunión no Museo para "adaptar o proxecto do convento á visión do novo goberno provincial"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, mantivo este martes unha reunión co equipo directivo e persoal do Museo de Pontevedra e do departamento de Arquitectura da institución para "avanzar no novo proxecto para Santa Clara".
Segundo a información trasladada pola Deputación, o obxectivo desta reunión foi "adaptar o proxecto do convento á visión do novo goberno provincial", poñendo en valor o recinto como "parte fundamental do Museo", e "salvagardando" os seus xardíns centenarios e avanzando para "converter Pontevedra nun referente cultural a nivel nacional e internacional".
Rafa Domínguez manifestou que "está claro que é necesario modificar algúns aspectos do proxecto que non se corresponden coa idea que entendemos que debe representar Santa Clara para o Museo".
O vicepresidente cre que "o convento non pode ser un simple almacén de restos arqueolóxicos, non é o axeitado, hai outros lugares que poden servir para ese propósito" polo que "o noso obxectivo é abrir e incorporar Santa Clara a toda a cidade, adaptando o espazo sen danar uns xardíns que levan máis de 400 anos pechados", asegurou.
Deste xeito, xunto ao equipo do Museo e do servizo de Arquitectura, Rafa Domínguez, analizou as diferentes posibilidades a acometer para avanzar no proxecto de reforma do convento de Santa Clara.
SANTA CLARA CHEA DE PINGUEIRAS
Este martes o portavoz do BNG na Deputación e anterior vicepresidente provincial Césa Mosquera afeou o actual responsable do Museo Rafa Domínguez que non tivera preguntado nin a el nin ao persoal técnico pola urxencia de actuar en Santa Clara e acometer arranxos antes do grande proxecto de rehabilitación porque estaba entrando auga.
"Ignorárono e hoxe está todo cheo de plásticos para tapar porque entra auga por todos lados. Había pingueiras que se intentaron resolver pero había que actuar na cuberta da igrexa e no campanario e nalgún punto máis con relativa celeridade. Estaba en marcha, pero parouse todo, por desgracia houbo os temporais que houbo e estamos así", dixo Mosquera.
En canto ao orzamento destinado a Santa Clara e Edificios Centrais do Museo, o nacionalista destacou que son dous máis dous millóns de euros, pero vanse perder os consignados en 2021.
Subliñou que espera que os anuncios de que se constinuar co proxecto de reforma "sigan adiante pese ao inicio de querer enredar cos proxectos".
Relacionadas:
-
As boas relacións e a "lealdade institucional" entre o Concello e a Deputación desbloquean tres proxectos
Por Natalia Puga |
-
Rafa Domínguez agarda que en 2027 estea finalizada a reforma de Santa Clara
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
As obras de Santa Clara comezarán polos xardíns en xullo de 2024
Por Oskar Viéitez |
-
Reunión para abordar "os retos inmediatos e de futuro do Museo"
Por Redacción |
-
Luis López confía na negociación aberta con Nieto Sobejano para adaptar o seu proxecto para Santa Clara
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno provincial percorre o convento de Santa Clara da man da directora do Museo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |