O PP vota 'sin fisuras' na Deputación a favor da lei do aborto, con polémicas referencias a Esparta
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno da Deputación de Pontevedra abordou este venres unha moción do partido socialista coa que se pretendía que a Corporación provincial instase ao Goberno a que retire o anteproxecto de Lei do aborto, do ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón. A iniciativa foi rexeitada cos votos do Partido Popular que impuxo a súa maioría absoluta. Sen fisuras.
A deputada do PSdeG, Isaura Abelairas, apelou ás deputadas do PP a que rompesen a disciplina de voto ou polo menos que interviñesen no debate "sobre unha reforma ideolóxica, inmoral e indecente", non obstante José Manuel Figueroa, que presidiu o Pleno ante a ausencia do titular da institución Rafael Louzán, non permitiu ningunha outra intervención máis alá da de Jesús Vázquez Almuiña, voceiro eventual dos populares neste asunto.
Mesmo a deputada do PP Begoña Estévez levantou a man para intervir, pero a resposta de Figueroa foi contundente "eu pediría que non houbese máis intervencións que ás que están fixadas", dixo dirixíndose á súa compañeira de partido.
"Vergonza, pena, que as mulleres do partido Popular, que estou segura, que no fondo están de acordo co que estou decindo, non sexan capaces de levantala voz e que deixen de ser tan inmorais", dixo a voceira socialista.
Vázquez Almuiña, médico de profesión que exerceu como director-xerente do Hospital Meixoeiro en 2003 e posteriormente foi director provincial do SERGAS en Pontevedra asegurou estar "perfectamente lexitimado para falar deste tema".
Fronte a el as deputadas Iolanda Veloso (BNG) e Abelairas (PSOE) rexeitaron a Lei do Aborto con idénticos argumentos, asegurando que "destina ás mulleres a clandestinidade" ou que as "criminaliza" e criticaron que a reforma é "unha cuestión fondamente ideolóxica" que se constrúe ao redor dun concepto de familia e de muller "ultraconservadora e desproporcionada".
O voceiro popular criticou á oposición por "utilizar o anteproxecto como ferramenta electoral" e describiu ao PSOE e ao Bloque como "dous partidos en clara podredume" que se negan a discutir democraticamente o anteproxecto de Lei no Congreso "que é mellorable como dí o Presidente do Goberno".
"E certo que abortos houbo toda a vida. Tamén houbo utilización por parte de Esparta da eliminación de persoas con certas discapacidade", dixo o voceiro do PP.
Almuiña insitió en que "o embarazo non depende só da muller, é un tema de dúas persoas e dun non nacido" e sinalou que a proposta do Ministro pretende "que a nai estea asesorada. O goberno trata de protexer ás persoas menos favorecidas" e indicou que nalgúns casos se acode ao aborto coma un método anticonceptivo.
"E certo que abortos houbo toda a vida. Tamén houbo utilización por parte de Esparta da eliminación de persoas con certas discapacidade", dixo o voceiro do PP.
Este argumento enfadou os deputados da oposición que foron chamados á orde polo presidente para que gardasen silencio. "A extrema dereita esta cerca", dixo Abelairas. "A nena de Rajoy non vai ter problema ningún para abortar. O seguinte será pedir permiso ao home para abrir unha conta bancaria ou viaxar ao extranxeiro. Teñen un cerebro cuadriculado que o único que pretende é domesticar ás mulleres", afirmou mentres a acusaban de "demagoga" dende os escanos do PP.
Finalmente procedeuse á votación. A favor da moción, PSOE e BNG, en contra, PP.