O PP reclama unha "actuación inmediata" en Monte Porreiro ou Montecelo polos danos do temporal
Por Redacción
O derrubamento dun noiro na subida a Monte Porreiro é un dos efectos do temporal da pasada Noiteboa "máis rechamantes", segundo o Partido Popular. A beirarrúa tivo que ser cortada, unha situación que se mantén dende aquela. "Limitáronse a colocar uns conos de advertencia, pero iso non soluciona o problema, supón un risco para peóns e condutores, e non garante que non se volvan producir desprendementos", denunciou Pablo Fernández.
Nun comunicado, o concelleiro do PP pon esta incidencia como exemplo para reclamar ao goberno local unha "actuación inmediata" para solucionar os danos causados polos últimos temporais en todo o termo municipal, máis alá dos que o Concello xa se comprometeu a arranxar no Pazo da Cultura, o Pavillón de Deportes ou no contorno dos Gafos, "e que dificultan o día a día dos pontevedreses".
Nesta liña, Fernández explicou que os accesos a Montecelo, cun volume de tráfico moi elevado todos os días, están repletos de fochancas, que obrigan aos condutores "a facer constantes xiros para non deixar as rodas nun destes buratos". O mesmo sucede en Monte Porreiro, na entrada da sede da Uned, onde o tamaño das fochancas "é bastante salientable".
O concelleiro asegura que as zonas do rural son as máis castigadas, pero no contorno urbano "tamén hai moitos danos", como na rúa Ramón Otero Pedrayo, "onde é case imposible circular pola cantidade de fochancas", principalmente na zona do Albergue de peregrinos. Criticou ademais o estado do pavimento polo centro da cidade, porque "moitas rúas teñen as lousas soltas, rotas ou levantadas, e obrigan aos peóns a camiñar con moito tino para non acabar mollados".
Pablo Fernández entende que é necesaria unha reacción inmediata, coa habilitación de cuadrillas de reparación urxente "para que circular por Pontevedra sexa seguro", ou que se apreme aos responsables dos contratos de mantemento de vías urbanas, estradas do rural e parques e xardíns para que actúen con urxencia.