O futuro aparcamento de Montecelo custará 1 euro á hora e será gratis os primeiros 30 minutos
Por Alejandro Espiño
Aos poucos vanse coñecendo os detalles do futuro aparcamento de Montecelo. E xa sabemos o que a moitos lle preocupaba, o seu custo. O prezo por ocupar unha das 892 prazas de estacionamento que se habilitarán vén fixado no estudo de viabilidade aprobado pola Xunta.
Este documento establece tarifas equivalentes ás do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Así, o estacionamento será gratuíto durante a primeira media hora de estancia. A segunda media hora custará 0,90 euros y, a partir da primeira hora, o prezo será dun euro por cada hora.
Para todo o persoal do Servizo Galego de Saúde facilitarase unha tarifa plana de 30 euros ao mes, segundo recolle o estudo de viabilidade.
O novo aparcamento, que substituirá ao actual, repartirá esas 892 prazas en catro plataformas abertas e comunicadas entre si.
A Xunta estima que o investimento necesario para a construción do novo aparcadoiro será duns 11 millóns de euros, que pagará integramente o goberno galego. A súa xestión sairá a licitación por un prazo de explotación que estará fixado nos 25 anos.
Para poder garantir a viabilidade da concesión coas tarifas establecidas, será necesario que a Xunta realice un esforzo económico adicional cunha achega inicial durante a fase de construción de case 3,6 millóns, un 37,96% do investimento, e unha partida anual de 440.000 euros.
No marco do novo hospital, disporase ademais dunha zona de estacionamento en Urxencias con 128 prazas, manteranse 212 de dominio público no aparcadoiro en superficie existente e outras 49 ao longo da urbanización da contorna do hospital. En total, haberá dispoñibles 1.281 prazas.
CAFETERÍA CON VISTAS Á RÍA
A nova cafetería, pola súa banda, situarase nun novo edificio de 1.372 metros cadrados, que marcará o punto de conexión entre o hospital existente e o novo Montecelo, con terraza e vistas á ría de Pontevedra. Para a súa construción serán necesarios algo máis de 3,9 millóns de euros.
Este establecemento tamén sairá a concesión e a compañía que o explote deberá pagar un canon anual próximo ao medio millón de euros.
Ata que entre en servizo este equipamento, a Xunta de Galicia habilitará provisionalmente un espazo que funcionará como cafetaría na zona de servizos do novo edificio hospitalario, cun espazo para os visitantes de 232 metros cadrados.
Despois da tramitación de ambos os dous proxectos, a previsión é iniciar a execución das obras do aparcamento e da cafetería no primeiro semestre de 2025.
Relacionadas:
-
Publicada a aprobación do estudo de viabilidade do aparcadoiro de 892 prazas do novo Montecelo
Por Redacción |
-
Rueda asegura que o aparcamento do Hospital Montecelo "non vai ser gratis pero si a prezos asequibles"
Por Oskar Viéitez |
-
Instalado en Montecelo o novo equipo de resonancia magnética
Por Redacción |
-
Chamamento cidadán da Federación Castelao para evitar que o futuro aparcadoiro do Hospital Montecelo sexa de pago
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Xunta prevé investir 25 millóns de euros para a compra do equipamento do novo Montecelo
Por Redacción |
-
A Xunta construirá o aparcamento e a cafetería do Gran Montecelo e sacaraos a concesión
Por Alejandro Espiño |
-
Lores e Rueda acordan "darlle unha volta" á variante de Alba e ampliar O Campiño
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Montecelo e a reforma da PO-546, as apostas da Xunta para Pontevedra nos orzamentos para 2024
Por Alejandro Espiño |