O Náutico de Sanxenxo asegura que o novo peirao deixará máis limpa a auga fronte ás praias
Por Oskar Viéitez
O Náutico de Sanxenxo sostén que a instalación dos polémicos pantaláns que mantén vivo un enfrontamento cos veciños e o Concello é "totalmente respectuosa co medioambiente e deixa moito máis limpa a lámina de auga" situada en fronte das praias dos barcos e Panadeira.
O club emitiu un comunicado para explicar a súa postura sobre a instalación do peirao fronte ás praias de Panadeira e Os Barcos tras a reanudación das obras de substitución de fondeos polo peirao.
No seu comunicado sinala que esta instalación é "absolutamente legal e conta con todos os permisos necesarios para a súa execución" e entre outros argumentos cita o auto do Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra no que se rexeitaba a paralización preventiva da instalación do peirao do club.
Entre outros motivos cita que a distancia mínima dos barcos á corticeira de protección da praia pasa de ser de só un metro a 40 metros, ademais os metros cadrados de ocupación de lámina de auga redúcense de 12.000 a 4.400 metros cadrados. Ademais auméntanse as canles de navegación dun mínimo de seis metros ata os 18 metros.
Outras razóns esgrimidas polos responsables do Náutico son os ingresos que a instalación xerará para o erario publico, cando estea a pleno rendemento, "de ata 100.000 euros anuais".
O Náutico manifesta o seu "total e absoluto respecto pola leis e as decisións xudiciais" e polo tanto respecta "os que decidiron acudir a estas vías para defender o que consideran os seus lexítimos dereitos"; pero en cambio "non pode comprender que as persoas que decidiron ir aos xulgados, cando as primeiros decisións foron desfavorables para os seus intereses, volvan recorrer á coacción, ao insulto e ao boicot dos medios de produción para impedir o dereito ao traballo dos operarios que están a levar adiante as obras".
E conclúe o comunicado afirmando que "nunha democracia o imperio da lei é un valor esencial".