Os acusados de trampear datos de ITV de camións e remolques chegaron a falsificar un circo enteiro, segundo a Garda Civil
Por Natalia Puga
Os tres veciños de Pontevedra e Cotobade acusados dun delito continuado de falsidade en documento oficial por falsificar documentación e fichas de ITV de camións e remolques chegaron a emitir papeis que permitiron homologar vehículos dun circo enteiro, o circo Roma.
Os datos achegáronos este martes axentes da Garda Civil que testificaron no xuízo que se segue contra estes tres procesados na Audiencia Provincial de Pontevedra e no que se enfrontan a penas de cinco e seis anos de cárcere. O fiscal pide unha pena maior para José Luis L.L. e un lustro para o seu irmán Carlos L.L e a ex muller deste, María José S.D.
Un axente da Garda Civil relatou que a investigación que permitiu sentar estes tres procesados no banco comezou cando axentes de Tráfico de Navarra pediron datos á agrupación de Pontevedra porque tiñan un remolque cunha documentación que non se correspondía co establecido pola lei e figuraba que fora fabricado en Pontevedra.
Os investigadores pontevedreses entrevistáronse co dono do negocio, José Luis L.L. e deulle unha explicación confusa, así que comezaron a facer indagacións. Pediron datos de homologacións e matriculacións e comprobaron que figuraban vehículos matriculados por toda España fabricados nas empresas deste procesado. Pareceulles que "no es normal que un fabricante local fabrique con esa dispersión".
Segundo relatou outro axente durante o xuízo, tamén levantou as sospeitas o "elevado número de vehículos" que fabricaran. Avanzadas as investigacións detectaron outra circunstancia que os fixo desconfiar: a práctica totalidade dos vehículos eran de feirantes. "Es algo que nos sorprendió porque el fabricante suele diversificar", explicou un garda.
A conclusión á que chegaron os investigadores é a que os propietarios de vehículos fabricaban eles mesmos os camións e, fundamentalmente, remolques, e logo chamaban os acusados para que lles dese a documentación que permitira homologalos, matriculalos nalgúns casos e pasar a ITV.
Os investigadores sorprendéronse polo volume de vehículos que supuestemente venderan por toda España e porque a maioría foi a feirantes
Algúns dos vehículos inspeccionáronos os axentes de Pontevedra, como o caso dos 14 do circo Roma, que no momento en que empezaron a operación estaba en Samil (Vigo). Para revisar outros vehículos pediron colaboración de axentes de toda España e en todos os casos se entrevistaron cos donos destes para preguntarlles como conseguiran a documentación para legalizalos.
Segundo un garda, chegaron a localizar 297 vehículos (case todos de atraccións de feira e mesmo un carriño de churros) con algún tipo de irregularidade que eles vinculan cos tres acusados. Dos seus propietarios, algúns contactaron con José Luis, outros con Carlos e uns poucos coa entón muller de Carlos.
Os tres procesados podían falsificar os datos deses vehículos porque eran propietarios de empresas dedicadas á construción de remolques para as que deran de alta no Ministerio de Industria tres marcas (Leiro e Loysegade José Luis e Carma o seu irmán). Podían homologar os vehículos que fabricaban grazas ás tarxetas de ITV que solicitaban a Industria, pero pedian eses impresos e cubríanos con datos doutros vehículos e poñíanlles o seu selo e firma.
A práctica habitual que se lles atribúe entre os anos 2003 e 2008 era que "o fabricante en ningún momento vía o vehículo, collían os datos por teléfono e lle enviaban a documentación" na que facían constar que os remolques se axustaban ás características técnicas dalgún dos modelos das súas empresas homologados, cando isto non era certo.
Os tres acusados mantiveron este martes a súa inocencia ante a Sección Cuarta de la Audiencia
Os tres acusados mantiveron este martes a súa inocencia ante a Sección Cuarta de la Audiencia. José Luis L.L. explicou que no ano 2000 tivo un ictus que lle obrigou a deixar de traballar a súa empresa en San Andrés de Xeve e que seguiu pedindo a Industria os impresos para a ITV dos vehículos (400 só no ano 2008) para que os utilizasen o seu irmán e a súa cuñada. Asegurou que el se limitaba a asinar as fichas unha vez cubertas xa por eles e que nunca pensou que houbese unha ilegalidade porque "confiaba en mi hermano" e porque tanto el coma a súa cuñada o axudaban, vivía "de lo que me daban ellos".
Carlos L.L. explicou que despois da súa enfermidade en ocasións o seu irmán estaba no seu taller porque este estaba no mesmo domicilio que a casa familiar en Tenorio (Cotobade) e que tanto el coma a súa muller ás veces lle cubrían imprimidos ao seu irmán porque el non podía e eles sabían facelo porque era un procedemento moi similar ao que usaban na súa empresa. Asegurou que "nunca" cubriu unha ficha a sabendas de que a súa ilegalidade e descoñece se o seu irmán o fixo. A terceira procesada, María José S.D., confirmou a versión do seu ex marido.
Varios clientes que supostamente se beneficiaron desas falsificacións declararon este martes na primeira sesión do xuízo (continúa este mércores). Un e eles, propietario de catro remolques, recoñeceu que os seus vehículos eran ou fabricados en Alemaña ou vellos ou contruidos por el mesmo e que recorreu a José Luis L.L. para conseguir a homologación, pero"no sabía si era legal o ilegal, no me lo dijo". Asegurou que "no era él solo, había mucha gente que lo hacía", en alusión a outras empresas que supostamente realizan este tipo de falsificacións.
Relacionadas:
-
Condenan un empresario por falsear ITV de atraccións de feira e anulan todas as tarxetas que expediu
Por Oskar Viéitez |
-
Os acusados de falsear datos de ITV de remolques eran coñecidos entre feirantes de toda España
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xulgan tres persoas por dar licenzas falsas para remolques de feira
Por Oskar Viéitez |