Piden 15 anos de prisión para un veciño do Grove acusado de violar a súa filla dende que tiña 10 anos de idade
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o próximo martes día 4 de febreiro a apertura de xuízo oral contra un veciño do Grove acusado de violar de xeito continuado a súa filla legal. Un delito polo que a Fiscalía pide unha pena de quince anos de prisión.
Segundo o relato dos feitos recollido no escrito de acusación da Fiscalía pontevedresa, o acusado José Luis S.S. "veu exercendo actos atentatorios da liberdade sexual da súa filla legal", nacida no ano 1991 "dun modo continuado no tempo, practicamente diario, dende finais do ano 2001 ata o seis de febreiro de 2008, no domicilio común de ambos os dous".
A Fiscalía indica que no ano 2001 se produciu a separación do matrimonio formado polo acusado e a nai da súa filla legal, que non biolóxica, decretándose que o acusado se quedaría como proxenitor custodio da nena, que daquela contaba con 10 anos de idade e dos dous irmáns desta, todos eles menores de idade.
O Ministerio Público sostén que a partir dese momento, ano 2001, o acusado "obrando coa finalidade de satisfacer o seu apetito sexual", e aproveitando a súa superioridade "comezou a levar a cabo dun modo cotián e particularmente humillante para a integridade moral da súa filla", toda unha serie de actos de natureza sexual "empregando nalgunhas ocasións a violencia física e noutras a violencia psíquica, a través de ameazas", sinala o escrito.
A Fiscalía solicita que se lle impoña unha pena de quince anos de prisión como autor dun delito continuado de violación. Ademais pídese a pena accesoria de vinte anos de prohibición de aproximación nun radio de 250 metros respecto a súa filla e vinte anos de prohibición de comunicación por calquera medio ou método.
Igualmente solicítase a pena accesoria de inhabilitación especial para o exercicio da patria potestade respecto do seu fillo menor de idade. Por vía de responsabilidade civil, o acusado tería que indemnizala en concepto de danos morais cunha cantidade de 60.000 euros.