Reabre o Parador de Pontevedra tras sete meses pechado por obras de reforma
De marzo a outubro. Sete meses estivo pechado un dos establecementos hostaleiros máis emblemáticos da cidade, o Parador de Pontevedra. Fíxoo para afrontar as obras dunha ambiciosa reforma na que se investiron máis de 1,7 millóns de euros.
Os primeiros clientes, segundo explicou a súa directora, Meritxell Marcos, cruzaron o renovado limiar do Parador o pasado luns. Foron 27 as habitacións dispoñibles neste primeiro día, pero a partir deste xoves xa abrirá en toda a súa capacidade, as súas 47 habitacións.
Aínda restan por completarse unha serie de reformas menores en todo o inmoble pero, segundo Marcos, afectarán a "zonas de uso interno" do establecemento, polo que "non interferirán coa estancia dos hóspedes" durante as próximas semanas.
A reforma abordada por Paradores do Estado na coñecida como Casa do Barón supuxo a actualización e renovación de todos os seus espazos, mellorando a eficiencia enerxética de todo o edificio, que abriu as súas portas como Parador no ano 1955.
Así, esta intervención supuxo, entre outras actuacións, a reforma integral e o illamento térmico das cubertas ou a construción dunha nova marquesiña de entrada.
Ademais, substituíronse todos os equipos e canalizacións de calefacción, auga quente sanitaria e auga fría; e renovouse por completo a rede de saneamento do edificio.
Durante estes sete meses de peche, 23 dos seus 25 empregados víronse afectados por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), que xa quedou suspendido.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que visitou este mércores o parador pontevedrés para comprobar o resultado destes traballos, celebrou a reapertura do establecemento ao completarse unhas obras "moi esperadas".
Na súa intervención ante os xornalistas, Blanco destacou que esta reforma era "fundamental" para mellorar as condicións de aloxamento dun dos paradores con maior ocupación de Galicia, o primeiro que abriu as súas portas nesta comunidade.
"Pontevedra ten unha necesidade importante de establecementos de calidade e este o é", sostivo o delegado do Goberno, que espera que siga contribuíndo a atraer á cidade "turismo, emprego e actividade económica".
As obras do Parador de Pontevedra formaban parte do plan estratéxico que a compañía deseñou para o período 2023-2026 e que, só nos establecementos galegos, inclúen actuacións que superan os 35 millóns de euros.
O Parador de Pontevedra, a antiga residencia dos condes de Maceda, foi o primeiro parador que abriu en Galicia. Foi o Concello quen cedeu o edificio, un palacete de estilo renacentista e neoclásico, ao Ministerio de Turismo para que o convertese nun parador.
O arquitecto encargado da obra foi Manuel Saiz de Vicuña, que se cinguiu á edificación preexistente con salóns, comedor e cociña en planta baixa, trece habitacións e un salón na primeira planta e outras catorce habitacións máis na segunda planta.
A horta do pazo transformouse nun xardín, que se ordenou en dous niveis, seguindo a arquitectura popular galega.
A forte demanda turística fixo que este parador quedase pequeno e, en décadas posteriores, o Ministerio encargou a súa ampliación ao mesmo arquitecto para dotalo de máis prazas hoteleiras, ata as 47 habitacións coas que conta na actualidade.