Sanidade reivindica en Sanxenxo o papel da enfermería na plataforma TELEA e no control do risco cardiovascular
Por Redacción
A Plataforma Tecnoloxía TELEA, posta en marcha polo Sergas para o seguimento dos pacientes crónicos, ten habilitados 26 perfís destinados ao seguimento de diferentes patoloxías directamente ligadas co control do risco cardiovascular que xa se atenderon a cerca de 8.450 persoas.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, deu a coñecer estes datos este sábado en Sanxenxo con motivo do acto de inauguración da XXI Xornada de enfermería sobre risco cardiovascular.
Comesaña puxo en valor o papel dos profesionais da enfermería no seguimento destes pacientes a través de TELEA, que é fundamental, xa que neles recae a revisión diaria da Unidade Central de Control, "e con iso a garantía da realización dun seguimento estrito e un contacto rápido con aqueles casos que o necesiten".
A enfermería desenvolve un papel fundamental na administración dos coidados axeitados para cada contexto asistencial e "o persoal de enfermería é un dos principais motores da engranaxe asistencial", tanto a través do marco de actuación profesional como do da xestión.
TELEA "ábrenos grandes posibilidades para o seguimento por parte da enfermería de varios factores de risco cardiovascular", destacou o conselleiro.
Un deses exemplos afecta a pacientes con diabetes e os sensores de glicosa en líquido instersticial. Neste momento, hai máis de 1.000 pacientes telemonitorizados con equipos directamente conectados a TELEA, e hai uns meses a Xunta licitou o seu primeiro contrato centralizado destes equipos, onde se establece que todos os novos sensores que adquira o Sergas deberán poder integrarse con esta plataforma, co que este modelo será xeneralizado en toda Galicia.
Outro factor de risco vascular que o departamento sanitario galego quere seguir mediante TELEA é o tabaquismo. Ao respecto, a Xunta aprobou o Plan Inspira Saúd. Un dos principais obxectivos do plan crear unha rede de apoio á cesación tabáquica co seguimento dos profesionais especialistas en tabaquismo e, esa rede tamén utilizará TELEA para facilitar o seguimento, así como para aumentar a adherencia e evitar recaídas.
Relacionadas:
-
Persoal do centro de saúde de Lérez realizará probas de tensión arterial, glicemia e peso diante do Mercado
Por Redacción |
-
15.000 pacientes sofren a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica na área sanitaria
Por Redacción |
-
Galicia estrea un novo modelo asistencial para a enfermidade inflamatoria intestinal
Por Redacción |
-
O Sergas estende a teleasistencia aos doentes crónicos da área sanitaria de Pontevedra
Por Redacción |