A tempada de visitas guiadas ás ruínas de San Domingos remata o 13 de outubro

Por Redacción
A última visita guiada deste ano ás ruínas de San Domingos, o edificio máis antigo dos que conforman o Museo de Pontevedra, será o próximo 13 de outubro.
As persoas interesadas poden achegarse ao monumento de martes a venres ás 12:00 horas para asistir a este percorrido guiado, totalmente de balde e cunha duración de arredor de trinta minutos, sen necesidade de inscribirse previamente.
As ruínas de San Domingos son os restos da igrexa conventual dos dominicos, situadas fóra das murallas da cidade medieval de Pontevedra.
A través destas visitas, o Museo de Pontevedra achega á cidadanía o coñecemento do patrimonio cultural que xestiona a entidade.
Ademais dos restos arquitectónicos e escultóricos conservados do complexo, expóñense tamén unha mostra de escultura funeraria, con sepulcros nobiliarios e laudas gremiais.
En agosto deste ano celebrouse o 128 aniversario da declaración deste ben patrimonial como Monumento Histórico Nacional.
A declaración foi publicada o 14 de agosto de 1895 na Gaceta de Madrid, antecesora do actual BOE, e con esta distinción converteuse no primeiro de Galicia xunto coa colexiata de Santa María a Real do Sar, en Santiago de Compostela.
Relacionadas:
-
As cores e o seu significado, protagonizan unha exposición na Ferrería
Por Oskar Viéitez |
-
Cúmprense 128 anos da declaración das ruínas de Santo Domingo como Monumento Histórico Nacional
Por Redacción |
-
Ampliada a oferta de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos
Por Redacción |
-
Pontevedra estrea a súa nova caseta de Turismo diante das Ruínas de San Domingos
Por Redacción |