Unha muller tenta evitar unha agresión machista e acaba ela mesma como agresora e como vítima

Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves 5 de outubro dúas persoas que se viron implicadas nunha pelexa nun bar de Caldas de Reis. O primeiro acusado é un home que presuntamente estaba a agredir á súa parella e a segunda é unha muller que se meteu no medio para evitar a agresión e acabou convertida en vítima e tamén en agresora.
Os feitos ocorreron sobre as 21:45 horas do 23 de outubro de 2021. No bar orixinouse unha forte discusión entre a súa propietaria e a súa parella sentimental na que el comezou a agredila a ela. Por estes feitos, séguese outra causa xudicial.
Nese momento, unha muller saíu do baño e, ao ver a agresión, decidiu intervir "para que cese a agresión".
Esta muller primeiro tratou de apartar ao agresor, o primeiro acusado. El, cun obxecto punzante non identificado, revolveuse contra ela e, coa intención de menoscabar a súa integridade física, golpeouna na cara.
Nese momento, ela, a segunda acusada, coa mesma intención de menoscabar a integridade física del, e para evitar que proseguise a agresión contra a súa parella e contra ela mesma, colleu unha copa que había nunha das mesas e estampoulla na cabeza.
Como consecuencia destes feitos, a muller sufriu unha ferida na cara pola que quedou unha cicatriz de tres centímetros e el unha ferida na cabeza polo que quedaron, como secuelas, dor neuropático a nivel de cicatriz.
Por estes feitos, a Fiscalía considera aos dous acusados autores dun delito de lesións con deformidade, no caso dela coa circunstancia eximente incompleta de lexítima defensa.
Para o acusado home, pídenlle catro anos de prisión e para a acusada muller, dous anos e medio de prisión.
Ademais, el debe indemnizala a ela con 590 euros polas lesións causadas e 6.000 euros polas secuelas. E ela debe pagarlle a el 1.495 euros polas lesións causadas e 9.000 euros polas secuelas.