Falece Antonio Cacabelos, edil do PSOE de Sanxenxo e presidente do Club de Xubilados de Portonovo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O concelleiro do PSOE de Sanxenxo e presidente do Club de Xubilados de Portonovo, Antonio Cacabelos, faleceu este sábado por mor dun infarto.
Cacabelos era veciño da parroquia de Dorrón e moi coñecido no municipio pola súa participación nas iniciativas sociais e culturais do municipio.
Sempre estivo ligado ao Partido Socialista e comprometido co asociacionismo coa intención de facer máis participativo o Concello.
O Concello de Sanxenxo suspendeu os actos inaugurais da Festa da Empanada e o Pleno convocado para este luns.
A Corporación municipal de Sanxenxo emitiu un comunicado no que lamenta o "triste e inesperado falecemento esta mañá do concelleiro socialista e presidente do Club de Xubilados de Portonovo, Antonio Cacabelos".
O Concello decretará luto oficial ata o luns e as bandeiras ondearán a media asta como sinal de respeto e pesar pola perda.
Os concelleiros municipais queren expresar tamén as máximas condolencias a familiares e amigos do falecido neste difícil momento.