O informe de Secretaría conclúe que o acordo do Pleno para abrir ao tráfico Reina Vitoria non é vinculante

Por Oskar Viéitez
O informe emitido pola Secretaría do Pleno do Concello de Pontevedra conclúe que "non teñen carácter xuridicamente vinculante para o goberno municipal" o acordo adoptado na sesión plenaria do pasado 31 de xullo cos votos do PSOE e Partido Popular para abrir a avenida de Raíña Vitoria ao tráfico e para eliminar “lombos” ou redutores de velocidade nas chamadas vías que dan acceso a centros hospitalarios.
Naquel pleno os dous partidos da oposición sacaron adiante ambas as iniciativas impoñéndose cos 16 votos que suman os seus concelleiros aos 9 edís do goberno en minoría do BNG.
O informe da Secretaría do Pleno argumenta que "o contido de ambos os acordos responde a competencias propias da Alcaldía" e que "esixirían para a súa execución dunha actividade extra que tamén se sitúa no marco competencial do goberno local".
Tamén recolle este informe que "as propostas presentadas implican gastos con cargo aos Orzamentos en curso, o que podería afectar á iniciativa para a súa modificación (e mesmo para a súa xestión) que se residencia na Alcaldía e na Xunta de Goberno".
"Na nosa opinión, plasman unha opinión plenaria dirixida ao mesmo na que lle insta unha serie de actuacións que definen, no exercicio da súa competencia e control e fiscalización, un alcance político ou de oportunidade", sinala a Secretaría sobre estas mocións.
O concelleiro de Obras e Mobilidade, Cesar Mosquera, informou sobre este informe en rolda de prensa e mostrouse convencido de que as conclusións da Secretaría tamén pode extrapolarse a outras iniciativas do PP e do PSOE como a modificación das ordenanzas do mercadillo ambulante para que a feira sitúese na Alameda que deberá contar coa aprobación da Xunta de Goberno antes de aprobarse no Pleno.
Os técnicos do Concello estudan tamén se o Pleno pode modificar ordenanzas fiscais sen ter en conta ao Goberno local, unha cuestión sobre a que hai "distintas interpretacións" como a do Concello de Vigo que rexeita que as normativas que afectan a taxas e impostos municipais poidan ser modificadas de forma unilateral polo Pleno.
Lembremos que o Partido Popular promove a baixada do Imposto de Bens Inmobles (IBI) a través da modificación da ordenanza.