Unha furgoneta calcinada e dous turismos danados nun incendio en Monte Porreiro

Por Redacción
Un incendio iniciado nunha furgoneta estacionada na rúa Bélxica de Monte Porreiro saldouse a pasada madrugada cun total de tres vehículos afectados, este no que se iniciou o lume e dous turismos.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Pontevedra, unha chamada telefónica alertou do incendio sobre as tres da madrugada. Unha patrulla desprazouse ao lugar e comprobou que estaban a arder os tres turismos.
Os policías comprobaron que a furgoneta estaba a arder con forte intensidade de lapas e o lume chegara ata outros dous vehículos que se atopaban preto, todos estacionados á altura do número 6 da rúa Bélxica.
Os Bombeiros de Pontevedra procederon a sufocar o incendio, que deixou totalmente calcinada a furgoneta e causou danos nun Megane Scenic e un Ford Connect .
Fontes policiais confirmaron que se descoñecen as causas que orixinaron o lume.