Pan de millo desmigado e ovos fritidos para todos en Tenorio

Por Redacción

© Concello de Cerdedo-Cotobade

© Concello de Cerdedo-Cotobade
Máis dun milleiro de ovos fritidos con pan de millo desmigado repartiu a organización da Festa do Pan de Millo e do Ovo de Cotobade, que celebrou este sábado a súa novena edición.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Foula, encheu de público o campo da festa de Tenorio.
Ademais do atractivo gastronómico, a festa despertou o interese do público que asistiu ás diversas actuacións de índole musical que se foron producindo ao longo do día.
Así, a sesión vermú estivo amenizada por Follas de Olivar, o xantar polas Pandereteiras do Val de Quireza e o serán pola Banda de Música Unión Musical de Tenorio.
Tamén durante todo o día puxéronse a disposición dos máis cativos inchables para que os nenos e nenas puideran brincar e pasar unha xornada divertida.
A Charanga de Fiadeiro e unha ruada aberta á participación dos grupos e persoas que quixeron actuar puxeron o broche de ouro a esta festa.