
© Concello de Poio
Poio xa tramita a compra da antiga gardería de Campelo para convertela nun centro de día

Por Redacción
O goberno municipal de Poio está a dar os seus primeiros pasos para executar un dos compromisos adquiridos coa veciñanza de Campelo, o de converter a antiga gardería nun centro de día.
Desde o Concello subliñan que urxe comprar o local e a leira da antiga escola para evitar que o edificio siga deteriorándose. De aí que a administración municipal xa estea a tramitalo.
"Non podemos perder a oportunidade que supón utilizar unha instalación xa existente e tan ben ubicada para prestar este servizo necesario e demandado polos maiores de Poio e polos seus familiares", subliña o alcalde, Ángel Moldes.
Moldes apunta que este centro de día permitirá que "ninguén teña que abandonar o seu fogar nin distanciarse dos seus seres queridos porque van recibir a atención ao carón das súas casas".
Defende que o futuro centro de estará situado nunha zona adecuada, non só por estar ao carón do centro de saúde e entre dúas parroquias moi poboadas, "senón tamén porque ten unha contorna inmellorable" como a de Campelo.
Para facer este proxecto realidade, o alcalde explica que aproveitarán a operación de crédito que propoñen facer desde o servizo de intervención para pagar débedas e facturas contraídas en mandatos anteriores, e destinarán uns 300.000 euros a adquirir o local do futuro centro de día.
A partir dese momento, o Concello negociará coa Xunta de Galicia os investimentos necesarios para que este servizo sexa unha realidade coa maior brevidade posible.