Un percebe de récord en Sanxenxo: 112 gramos de peso e 17 centímetros de longo
Por Natalia Puga
Un cliente habitual da Taberna do Náutico de Sanxenxo poderá gozar este sábado dun percebe de récord, de 112 gramos de peso e 17 centímetros de longo.
Estas dimensións extraordinarias fan que quede curta a habitual comparación que se utiliza para falar dos percebes de maior tamaño, dicindo que son "como puños". E é que este percebe en concreto é tan longo como a palma da man aberta.
Joao Ribeiro Capelas, responsable da Taberna do Náutico, explicou a PontevedraViva que adquiriu este percebe de récord este venres procedente da zona de extracción de Cangas e, nada máis saído do mar, empezou a presumir do seu tamaño.
A foto circulou por redes sociais e chamou tanto a atención que, nada máis velo, un cliente habitual xa pediu que llo adxudicara e degustarao este sábado. "Suele pedirme siempre que le avise cuando tengo estos productos", explica.
Os 112 gramos desta peza son extraordinarios, pero non quedan atrás outros que forman parte da mesma partida comprada por Joao. Das rocas de Cangas chegáronlle tamén outros exemplares de 60 e de 70 gramos, un tamaño xa destacado para este crustáceo.
"Cuanto más grande, mellor", é unha das premisas de Joao Capelas, que adoita confiar nos produtos que extraen os percebeiros de Cangas ou de Corme, en Ponteceso, na Costa da Morte, "siempre percebe grande". É habitual que sirva no seu restaurante pratos nos catro percebes pesen 250 gramos ou tamaños similares, pero "este es el más grande" que serviron nunca.