Trasladan ao hospital dous nenos de 4 anos e a súa avoa tras un accidente en Moraña

Por Natalia Puga
Unha muller de 65 anos foi trasladada no serán deste xoves ao Hospital Domínguez de Pontevedra e os seus netos de 4 anos foron derivados ao Hospital Provincial tras verse implicados nun accidente de circulación en Moraña.
O accidente produciuse sobre as 19.00 horas na estrada que comunica Barro con Moraña, cando a muller se dirixía cos seus netos ao logopeda en Moraña.
Por motivos que se descoñecen, a muller perdeu o control sobre o seu coche, saíuse da vía, impactou coa varanda, envorcou e quedou boca abaixo.
Aínda que nun primeiro momento os tres ocupantes quedaron atrapados dentro do turismo, pouco despois pasou pola zona un guindastre que actuou de inmediato e deulle a volta ao coche, de modo que quedaron liberados.
Segundo a información facilitada por Protección Civil de Cuntis, a condutora sufriu un ataque de ansiedade polo que tivo que ser atendida e logo foi trasladada ao Hospital Domínguez. Os seus netos foron derivados ao Hospital Provincial, especializado en Pediatría.
Ademais de Protección Civil de Cuntis, ao lugar desprazouse a Garda Civil.