O parque infantil de Campenlos estreará nova imaxe a principios do outono
Por Redacción
Xa comezaron as obras de ampliación e mellora do parque infantil de Campenlos, no núcleo urbano de Santa Lucía, situado nunha zona verde entre a estrada autonómica PO-221 e o vial entre As Pontellas e Santa Xusta. O Concello de Moraña inviste nel case 50.000 euros.
O alcalde de Moraña, Sito Gómez, supervisou esta actuación, acompañado de membros do goberno local, nunha visita a este recinto, ao que se dotará de máis elementos de xogo e de mesas de picnic para as actividades de esparcemento e lecer dos usuarios.
Este espazo quedará rematado e estará en funcionamento nas primeiras semanas do outono.
Na actualidade, este parque infantil conta con seis elementos de xogo e que cumpren coa normativa vixente para estas instalacións, dúas mesas de picnic, maquinaria para a práctica de actividades biosaudables e un valado de madeira, pero tamén conta cunha torre-tobogán que está sen homologar e que vai a ser o único elemento que vai ser retirado.
"O parque está ben agás un xogo que está bastante deteriorado e que imos suprimir, pero faise insuficiente ante a elevada utilización por parte dos veciños, polo que imos amplialo axeitadamente para que as instalacións poidan atender o seu uso, xa que está preto dunha zona residencial e é empregado por moitas familias", detallou o alcalde.
As obras consistirán na retirada da torre-tobogán, a preparación dunha caixa de areeiro para o anclaxe dos novos elementos de xogo, a instalación dun bordo de madeira e a dotación de tres novos xogos, elaborados con temática natural e realizados con toras torneadas de madeira.
En concreto, vanse instalar un pórtico de bambán dobre, un balancín e cun conxunto trepa-equilibrio e, a maiores, duplicarase a oferta da zona de descanso coa colocación de dúas mesas máis de picnic.