
© Mónica Patxot
Denuncian os "recortes e despedimentos" que impulsa ENCE en contratas e auxiliares

Por Redacción
A coordinadora unitaria dos traballadores auxiliares de Ence, que agrupa aos delegados de persoal de catorce empresas, denunciou a campaña de "recortes e despedimentos" que a compañía pasteira está a impulsar nas últimas semanas a través das súas contratas.
A iso suman a situación "permanente" de precariedade, inseguridade e sobrecarga de traballo "que se agrava aínda máis do xa existente para o resto de compañeiros destas empresas auxiliares na factoría", subliñan nun comunicado.
"Esta destrución de emprego e empeoramento das condicións de traballo é un total desprezo ao incuestionable compromiso dos traballadores auxiliares na loita pola permanencia da fábrica", aseguran os membros desta coordinadora.
Isto súmase, segundo este organismo, aos recortes "normalizados" e á falta de investimento que padecen desde 2019 "coa escusa do risco de peche da factoría" ou ás "reiteradas" situacións de vulneración da legalidade e de represión sindical.
Toda esta conflitividade "repercute negativamente no xa precario estado de mantemento das instalacións e dos seus medios", aseguran os traballadores.
A coordinadora impulsará asembleas de traballadores en todas as contratas auxiliares de ENCE en Pontevedra para acordar medidas de mobilización ante esta "escalada" contra os traballadores, contra os seus intereses e contra as súas condicións de traballo.
Esixen a "reversión inmediata" dos recortes e a adecuación da situación dos traballadores auxiliares a un nivel "minimamente digno e humano".
A este respecto, a coordinadora insta a todos os traballadores auxiliares da fábrica a que non asuman "baixo ningún concepto" a sobrecarga de traballo derivada dos despedimentos dos seus compañeiros e a que non acepten "baixo ningunha escusa" facer horas extras ou tarefas alleas ás súas funcións.
Relacionadas:
-
O caso ENCE chega ao Constitucional: o Concello presenta un recurso de amparo contra a súa prórroga
Por Alejandro Espiño |
-
Cortes de tráfico e barricadas en ENCE nunha nova xornada de folga do sector do metal
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Lores "agradece" ao Supremo a súa "axilidade" porque abre ao Concello a vía para recorrer a prórroga de ENCE ante o Constitucional
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O Supremo confirma a permanencia de Ence ao rexeitar os incidentes de nulidade do Concello e o Estado
Por Natalia Puga | Creada e actualizada