Pontevedra e O Salnés consolídanse como a área sanitaria galega con menos listas de espera
Por Redacción
A Área Sanitaria de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés lidera á baixa o balance de actividade do Servizo Galego de Saúde en canto a listas de espera. Xa pasou nos datos por trimestres e agora a zona pecha 2013 coa espera máis baixa da comunidade para unha intervención cirúrxica e unha primeira consulta.
O director de Procesos Asistenciais da área sanitaria, José Antonio Ortigueira Espinosa, avaliou este venres os datos relativos ao ano pasado e sinalou que fronte á lista de espera media de 84,2 días para unha operación de todo o Sergas, en Pontevedra e O Salnés se sitúa en 35,4, o prazo máis curto de Galicia.
Só o CHOP ten unha espera de 34,1 días e sobe lixeiramente ao unirse as cifras do Hospital do Salnés, pero, de todos os xeitos, queda moi lonxe do segundo hospital con mellores cifras, o de Ferrol, onde os pacientes agardan unha media de 41,1 días. Vigo ten o récord contrario, con 95,5 días de espera medios, o período máis alto da comunidade autónoma.
Ortigueira explicou que "cuando se habla de tiempos medios tan bajos es difícil seguir bajando", pero, de todos os xeitos, se reduciron as esperas en áreas como Xinecoloxía, onde se sitúan en 15,5 días, ou Dermatoloxía e Oftalmoloxía, con 20,9 cada unha.
A área sanitaria tamén lidera á baixo as listas de espera para a primeira atención en consultas externas, que se sitúan en 26,5 días fronte á media galega de 49,5 e á cifra de Vigo, unha vez máis, a zona na que máis hai que agardar para acudir a un especialista, 68 días. Nas probas diagnósticas non existe un rexistro unificado que permita dar estatísticas, pero Ortigueira resaltou que tan só hai que esperar de media dous días para unha electroencefalografía, 18,7 días para unha mamografía, 5 días para unha ecografía obstétrica ou 23,4 para unha ecografía vascular.
Na práctica totalidade das especialidades reducíronse os tempos con respecto ao ano anterior e o responsable de Procesos Asistenciais tamén presumiu de que durante 2013 estas cifras á baixas se compatibilizan con datos como un incremento do 4% nos ingresos, o 20% a cirurxía maior ambulatoria, do 3% en consultas hospitalarias e un maior número de urxencias hospitalarias atendidas. Atendéronse por esta vía 120.938 pacientes, 331 de media ao día entre Pontevedra e O Salnés.
Descenden os pacientes derivados para operarse en hospitais concertados, ata os 800
Ademais de facer fronte a unha maior actividade asistencial propia, na área sanitaria asumíronse en 2013 intervencións cirúrxicas de pacientes da área de Vigo e, segundo explicou Ortigueira, reducíronse un 35% as derivacións de pacientes a centros hospitalarios concertados. O ano pasado deriváronse menos de 800 pacientes para ser operados noutros centros alleos ao CHOP e o Hospital do Salnés.
HOSPITAL DE DÍA PEDIÁTRICO
Entre os proxectos para 2014 está consolidar as consultas de telemedicina en Atención Primaria que se puxeron en marcha a principios de decembro e que en tan só tres semanas foron elixidas por aproximadamente 3.000 pacientes, o 4% do total de consultas, unha "implantación muy rápida".
Ademais, poñerase en marcha o Hospital de Día Pediátrico, que é "una necesidad" para reducir o número de ingresos hospitalarios de nenos da área sanitaria. Non hai aínda datas para a súa posta en marcha, pero xa está en fase de deseño e o Plan Funcional está "prácticamente finalizado".
Relacionadas:
-
José Manuel González: "Montecelo cada vez cumple menos condiciones de hospital de futuro"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A espera media para operarse no CHOP e O Salnés é de 36,7 días
Por Redacción |
-
Os hospitais de Pontevedra rescatan a Vigo ao dispararse a súa lista de espera
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
As listas de espera do CHOP son as máis baixas de Galicia por segundo trimestre consecutivo
Por Natalia Puga |
-
Os resultados do CHOP "son los mejores de los grandes hospitales de Galicia"
Por Oskar Viéitez |