O PP lamenta o "deixamento do Goberno central" coa N-541 en Pedre tras un novo accidente
Por Natalia Puga
O PP provincial súmase ás críticas realizadas nos últimos días polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, sobre a falta de actuacións do Goberno central na estrada N-541, na zona do tráxico accidente do autobús en Noiteboa, despois de que esta semana se producira un novo accidente.
O tamén deputado provincial do PP Jorge Cubela acudiu á zona acompañado pola deputada 'popular' Ana Pastor e por deputados e senadores do Partido Popular e todos lamentaron o "deixamento do Goberno central" e reclamaron de maneira urxente ao Estado o arranxo inmediato da N-541.
O accidente desta semana, rexistrado o pasado martes, consistiu nunha saída de vía dun motorista á altura do lugar de Cernados, próximo á zona en que se producía a tráxica caída do autobús, e o PP sinala que foi "polo mal estado do firme".
Ana Pastor indicou que o Goberno central "debe centrarse en menos fotos na estrada afectada e ocuparse do que realmente importa", que é a seguridade desta vía, na que é necesario poñer de inmediato unha nova capa de rodadura para evitar os esvaramentos por culpa do mal estado do firme.
Pastor considera "unha mágoa" que non se puxeran mans á obra nos meses de verán, cando polas condicións climatolóxicas é mellor levar a cabo as obras de mellora do firme para que puidera estar canto antes en adecuadas condicións para todos os cidadáns que a diario circulan por ela.
Máis de 5 meses despois da adxudicación do contrato de conservación e explotación en Carreteras del Estado en Pontevedra, na que estaba incluída a mellora da N-541, "nada se sabe desas obras”, sinalou Cubela, que reclamou atención inmediata para unhas actuacións que considera fundamentais.
Cubela reclamou unha vez máis ao Ministerio de Fomento unha mellora "urxente" na N-541 e sinalou: "estamos cansos, estamos fartos dos accidentes que está habendo".
Critica o estado da vía e que a súa adherencia "é nula", polo que precísase que se leven a cabo as actuacións na vía de maneira inmediata.
O PP anuncia que se dinamizará o Pacto de Pedre para esixirlle ao Goberno central que tome conciencia de actuar canto antes neste asunto. "Non imos quedar de brazos cruzados mentras cada día resulta unha lotaría usar esta vía de comunicación para unir as provincias de Pontevedra e Ourense", engade Cubela.
Relacionadas:
-
A Deputación de Ourense demanda a reforma integral da N-541 e unha vía de alta capacidade con Pontevedra
Por Redacción |
-
"Non queremos que a N-541 sexa un cemiterio"
Por Oskar Viéitez |
-
Nova petición de mellora urxente da N-541 despois dunha saída de vía dun motorista en Cernados
Por Anxo Lourido |
-
Gómez Besteiro confirma a reforma da N-541 onde faleceron seis persoas no accidente de autobús
Por Redacción |
-
O Goberno central anuncia obras de mellora da N-541 que incluirán o lugar onde caeu o autobús ao Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian a auga que verte na N-541 a estrada entre Pedre e Serrapio
Por Redacción |
-
Jorge Cubela: "Cantos accidentes e falecidos ten que haber para que non se nos acuse de oportunismo político?"
Por Natalia Puga |