A Federación Teucro apela ao "espíritu de Gamonal" para reclamar investimentos sanitarios en Pontevedra
Por Anxo Lourido
Os representantes da Federación de Veciños Teucro aposta pola organización dunha gran manifestación que percorra as rúas de Pontevedra ao longo do mes de febreiro para reclamarlle á Xunta de Galicia investimentos en infraestruturas sanitarias. O colectivo veciñal que lidera Miguel Anxo Vilacoba tamén vai secundar as concentracións de protestas convocadas pola xunta de persoal dos hospitais de Pontevedra todos os martes e xoves ás 12:00 horas ante as portas dos centros sanitarios. E anunciou que se porán en contacto coa Plataforma pola Sanidade Pública para intentar organizar esa gran marcha para reivindicar "un Hospital de primer orden equipado e con especialidades xeneralistas".
Nunha rolda de prensa, os representantes veciñais lamentaron a decisión da consellería de Sanidade de desprazar pacientes de determinadas especialidades a Santiago. Miguel Anxo Vilacoba ironizou coas palabras da Conselleira que indicou que Vigo e Santiago están case á mesma distancia: "Como vai en coche oficial e sempre a levan, ao mellor para ela ás distancias non teñen importancia. Pero para calquera cidadán de Pontevedra que teña que ir a calquera servizo en Santiago se é unha molestia e, nos tempos nos que estamos, é un agravio comparativo con calquera outra zona".
Dende o colectivo considérase que o Hospital de Monte Carrasco non se vai construír e que tampouco se está a investir en Montecelo que "está obsoleto" e onde, segundo denuncian, se están a producir recortes de persoal, de maquinaria e de material cirúrxico. Neste sentido, apuntaron que a aposta dende as filas do Partido Popular vai dirixida ao fomento da sanidade privada.
Pola súa banda, José Luis Vidal Laiño sinalou que "fronte as mentiras do PP, a realidade é que Monte Carrasco foi un engano para Pontevedra e o bipartito tamén tivo a oportunidade de ampliar Montecelo e non o fixo". E por este motivo, apelou ao "espírito de Gamonal" para reclamar un chamamento aos cidadáns para que saian en mobilización na rúa.
Relacionadas:
-
SOS Sanidade Pública convoca para o 14 de febreiro unha manifestación contra a reordenación sanitaria
Por Redacción |
-
A xunta de persoal dos Hospitais de Pontevedra convoca protestas contra o traslado de doentes a Santiago
Por Anxo Lourido |
-
A conselleira de Sanidade asegura que "non é significativa" a diferenza entre o traxecto a Vigo e a Santiago
Por Redacción |