Santa Clara lava a faciana
Por Redacción
Dar o máximo protagonismo á igrexa conventual de Santa Clara e ao seu muro exterior é o fito máis destacado do proxecto de reforma da rúa do mesmo nome.
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, preséntou este proxecto aos veciños e comerciantes, acompañado dos técnicos municipais.
O proxecto, que terá un orzamento que oscilará ao redor dos 800.000 euros.
Ampliación das beirarrúas, rematadas en lousa gris de gran formato. Carril de tráfico rodado cun ancho de 3,30 metros e executarase en formigón semipulido. Toda a plataforma quedará configurada ao mesmo nivel, con bolardos nos puntos en que sexa necesario.
Resérvanse un total de 10 prazas de aparcamento en dúas bolsas con cinco prazas a cada extremo da rúa. Ambas situaranse ao lado dereito (ao revés que agora) para coincidir co sentido da marcha. Actualmente, a rúa conta con 18 prazas.
Fronte ao convento de Santa Clara recuperarase o atrio tradicional.
Os parterres elevados actuais, sostidos por muros, serán eliminados, ao igual que a escaleira. O frontal da igrexa quedará delimitado por un atrio pavimentado en pedra duns 800 metros cadrados. A propia configuración do terreo, cunha altura de 0,8 metros na cota máis elevada, servirá para perfilar esta praza. Un pretil de pedra separará lonxitudinalmente o futuro atrio do carril de circulación.
A igrexa conventual e os dous tramos de muralla existentes (situados preto do Estadio da Xuventude e do aparcamento do centro comercial) serán iluminados de acordo cos criterios do Plan Director de Iluminación do Centro Histórico.
A carón do pano do muro histórico máis próximo ao Estadio, onde hai outra superficie de herba elevada, recuperarase espazo para ampliar a beirarrúa.
Abrirase a praza de José Martí, desaparecerán os actuais parterres, ampliaranse as escaleiras e a superficie será pavimentada en lousa de cuarcito raiada, un material moi similar ao existente no solo da igrexa de San Francisco.
No centro da praza instalaranse dous bancos circulares, adornados cunha xardineira.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, considera que se trata dun proxecto de gran calidade, construído a partir das achegas que veciños e comerciantes foron trasladando nestes últimos anos. Dunha obra que dá tamén cumprimento a unha promesa histórica co barrio de Santa Clara e que o integra definitivamente no centro da cidade.