Pontevedra, capital da cultura friqui
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez
O Lérez Up é unha cita esperada por moitos como demostraron as persoas que facían cola este sábado para acceder ao salón do videoxogo e a cultura friki antes da apertura de portas do Recinto Feiral.
O evento está organizado pola Asociación Gaming Troop cunha programación chea de actividades, dende torneos e charlas ata talleres, concertos de música inspirados en bandas sonoras de videoxogos, anime, películas, etc. e unha ampla oferta de postos de artesanía e deseño.
A segunda edición da Lérez Up puxo en valor a cultura friqui e o videoxogo. Os afeccionados ó arte contaron con charlas no Escenario Secundario sobre ilustración e artesanía e dous talleres: un de Cómic da man de Paula Cheshire e outro de Deseño de personaxes impartido por Umi e Lea.
Para os cativos da casa, houbo talleres infantís de Hama Beads onde facer a túa propia figura con contas de cores, e diversas actividades lúdicas, como o xenga xigante, coches de radiocontrol e Candy Crush manual, na zona de Ocionautas; ademais como unha zona dedicada con material para pintar o cartel do evento e levalo a casa.
Nas zonas de consolas e PCs disputáronse unha chea de torneos para todos os gustos, dende xogos familiares como Mario Kart 8 ou Switch Sports, así como xogos de loita como Tekken 8, Dragon Ball Fighter Z ou o recente estreado Street Fighter 6.
No salón de actos do Recinto Feiral gozouse de dúas actuacións musicais da man de Freak GZM, e este domingo acturará Yell0, ás 16:00.
Neste mesmo espazo tamén se realizou o concurso de cosplay, cun xurado profesional que tamén impartiu charlas sobre o mundo do disfrace e caracterización.
Non faltaron exhibicións de proxectos tecnolóxicos da man de Pontelabs e exhibición de graffiti da man de Culebra Studio, zonas dedicadas á simulación de condución e gafas de realidade virtual, así como unha zona propia de presentación de nove videoxogos de estudos independentes.
Nesta segunda edición da Lérez Up, os fans dos videoxogos volveron loitar en torneos como o do League of Legends ou Valorant, así como o torneo nacional de Smash Bros. Ultimate.