Conclúe con novos achados a primeira fase de escavación na zona arqueolóxica de Adro Vello
Por Redacción
A Xunta de Galicia vén de rematar a primeira fase de escavación na zona arqueolóxica de Adro Vello, no concello do Grove, coa datación das estruturas xa escavadas e a súa asociación ás diferentes etapas de ocupación deste espazo declarado Ben de Interese Cultural.
Trátase dunha intervención cun investimento de 200.000 euros que se leva a cabo coa colaboración da Universidade de Vigo e que continuará no mes de setembro con novas tarefas de conservación e estabilización.
Estes primeiros traballos que acaban de rematar centráronse na escavación e posta en valor do xacemento co fin de determinar con maior exactitude a súa cronoloxía e funcionalidade.
Segundo o equipo dirixido polo arqueólogo Adolfo Fernández, cos primeiros resultados conseguiuse determinar que existen restos de moitas fases de ocupación que van desde o século I ata o XVIII. "Temos unha fábrica de salga de época romana, do século I despois de Cristo, que despois é abandonada e sobre a que se constrúe unha casa baixoimperial tardoromana que vai ocupar o espazo ata probablemente o século V ou VI", explica.
A partir de aí, tal e como engade o arqueólogo, "o espazo doméstico e produtivo transfórmase nun lugar eclesiástico, de época altomedieval ata o século XI ou XII, cando debeu ser medio abandonado". Finalmente, construiríase a igrexa parroquial de San Vicente do Grove, unha das estruturas máis chamativas do xacemento e que data do século XIII ou XIV e que posteriormente se traslada a onde se atopa hoxe.
MOEDAS E RESTOS DE CERÁMICA
Ademais, no transcurso desta intervención tamén saíron a luz restos como cerámica, unha moeda ou un coitelo cun mango feito de oso que poñen de manifesto a importancia histórica, arqueolóxica, científica e cultural deste espazo único en Galicia que resulta clave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés.
Así, co fin de dar a coñecer entre a cidadanía os resultados que se van acadando, este xoves celebrarase ás 11,00 horas un obradoiro de mosaicos para cativada de 6 a 11 anos e unha visita teatralizada que terá lugar a partir das 20,00 horas.