A conselleira de Sanidade asegura que "non é significativa" a diferenza entre o traxecto a Vigo e a Santiago
Por Redacción
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, referiuse este luns ao malestar xerado pola última decisión do Servizo Galego de Saúde de derivar a Santiago aos 300.000 cartillas sanitarias de Pontevedra e O Salnés que ata agora son atendidos en Vigo en determinadas especialidades cirúrxicas sinalando que apenas afecta ao 2% dos pacientes e que sempre será "voluntario e libre".
En resposta ás criticas de diversos colectivos acerca de que ir a Santiago supón un incremento dos gastos de trasporte dos pacientes e os seus familiares con respecto a Vigo, apuntou que "non é significativa" a diferenza entre o traxecto a Vigo e a Santiago, para os pacientes de Pontevedra e O Salnés. "Estamos falando dunha distancia en tempo que é 15 minutos a Vigo e 25 a Santiago dende Pontevedra e se falamos de Caldas, de Cambados ou de Vilagarcía... non sei", sinalou.
Rocío Mosquera, durante o acto de apertura do Ano Galego da Parálise Cerebral que se desenvolveu en Pontevedra, sinalou en primeiro lugar que non afecta "absolutamente para nada" ao Complexo Hospitalario de Pontevedra e ao Hospital do Salnés "que teñen uns magníficos profesionais que van seguir atendendo ao 98% dos pacientes", engadiu.
Neste sentido foi moi insistente con que "a inmensa maioría dos pacientes" van seguir sendo atendidos en Pontevedra "polo que non haberá ningún cambio neste sentido". A responsable da Sanidade pública galega indicou que a reorganización se produce "para mellorar a accesibilidade daqueles pacientes daqueles procesos que agora mesmo non estaban a ser atendidos en Pontevedra".
Uns pacientes que estaban a ser atendidos, "uns en Vigo e outros en Santiago", polo que describiu que a nova reorganización é "reforzar a colaboración entre o Hospital de Pontevedra e o de Santiago". Polo que rexeitou calquera outra repercusión sobre o Hospital de Pontevedra, "nin sobre o actual nin sobre o futuro".
Para comprender o sentido da medida, Rocío Mosquera referiuse á área de Vigo onde "neste momento existe un problema de accesibilidade moi importante", que tamén "afecta aos pacientes de Pontevedra".
Por este motivo a conselleira asegura que "se reorganizamos, e estamos a falar de menos do 5% dos procesos, evidentemente vai mellorar a accesibilidade para os pacientes de Vigo".
Rocío Mosquera destacou que na parroquia viguesa de Valladares "se está a construír o maior hospital público de Europa", polo que no momento no que ese hospital empece a funcionar e se dispoña da nova dotación "haberá que reorganizar as novas infraestruturas".
Ademais apuntou que "vai haber libre elección, está a lei de garantías enriba da mesa", indicando que para poder garantir esta libre elección "hai que reorganizar as cousas, e non estamos a falar sequera de especialidades completas".
Mosquera evitou dar cifras sobre o impacto que estas medidas terán sobre as listas de espera de Vigo, xa que "atribuír a unha soa medida a mellora da accesibilidade vai ser complicado, hai moitos programas en marcha".
HOSPITAL DE MONTE CARRASCO
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, tamén se referiu ao Hospital proxectado pola Xunta en Monte Carrasco (Pontevedra) asegurando que "seguimos mantendo o compromiso co hospital de Monte Carrasco, e seguimos traballando para facer efectivo este novo hospital no prazo máis breve posible, sempre que sexa posible".
Mosquera afirmou que o Sergas está pendente de que o Concello "conteste a un requirimento que se lle fixo no seu momento e seguiremos traballando na expropiación e no deseño dese hospital".
Relacionadas:
-
SOS Sanidade Pública convoca para o 14 de febreiro unha manifestación contra a reordenación sanitaria
Por Redacción |
-
O PSOE critica que a Xunta favoreza á Coruña fronte a Pontevedra en materia sanitaria
Por Redacción |
-
A Federación Teucro apela ao "espíritu de Gamonal" para reclamar investimentos sanitarios en Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
A xunta de persoal dos Hospitais de Pontevedra convoca protestas contra o traslado de doentes a Santiago
Por Anxo Lourido |