O cultivo do corpo e do espíritu, Premios Cidade de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O padexeiro ÿscar Graña e o Conservatorio de Música de Pontevedra recibiron os Premios Cidade de Pontevedra 2013 durante o pleno extraordinario que se celebrou no Teatro Principal durante o mediodía deste 20 de xaneiro con motivo da celebración da festividade de San Sebastián, voto da cidade.
Entre outras autoridades asistentes ao pleno encontrábanse os deputados Olaia Fernández, Guillermo Meijón, Patricia Vilán, o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro ou o novo xeneral da Brilat, Luis Cebrián.
O acto iniciouse coa entrada no Teatro Principal do gaiteiro ÿscar Ibáñez interpretando o himno do antigo Reino de Galicia. A comitiva estaba integrada pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e polos dous premiados nesta edición.
Tras a entrega do diploma e do Teucro de prata, ÿscar Graña, premio á persoa física, dirixiuse aos asistentes, emocionado, para afirmar que "é o mellor premio posible". O piraguista referiuse á súa infancia en Lourizán e ao seu sacrificio deportivo: "Para moitos, somos masoquistas pero para un deportista de elite o esforzo é unha satisfacción persoal". Graña sinalou que o deporte debía de quedar lonxe dos recortes e quixo referirse ao seu compañeiro da competición de maratón, Ramón Ferro, e á súa familia para agradecerlles todo o seu apoio.
Ademais, este deportista que de profesión é Policía Nacional mostrou tamén o seu agradecemento ao comisario e ao inspector xefe en Pontevedra por darlle facilidades para poder adestrar e participar nas competicións. Por último, o tres veces campión do mundo da modalidade de piragüismo de maratón mostrou a súa satisfacción polo recoñecemento "a un deportista que nunca fixo ruído e pouco saíu nos titulares".
O premio Cidade de Pontevedra á persoa xurídica foi recollido por Luis Costa, o director do Conservatorio de Música 'Manuel Quiroga', quen se remontou aos inicios deste centro de estudos fai xa máis de 150 anos e sinalou que, na actualidade, "é un espazo de convivencia e de encontro". Agradeceu o traballo diario do persoal docente "pola súa xenerosidade" e avaliou positivamente que os premios se concedesen ás artes e ao deporte, "o cultivo do corpo e do espírito" engadiu.
Neste mesmo sentido falou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, durante o seu discurso sinalando que "hoxe volven fundirse dúas enerxías máxicas que fan que Pontevedra brille cada día máis" e destacou, sobre todo, a categoría dos deportistas da cidade "a nosa distinción máis alta ven do deporte". E cun 'Viva Pontevedra' deixou que ÿscar Ibáñez interpretase o himno galego para pechar o acto.
Relacionadas:
-
Coñeces algún candidato para o premio Cidade de Pontevedra?
Por Redacción |
-
O conservatorio Manuel Quiroga reabre as súas portas para dar inicio a un novo curso
Por Diego Torrado |
-
Prohibiu a Deputación a Carlos Valle acudir aos Premios Cidade de Pontevedra?
Por Oskar Viéitez |
-
O Conservatorio organiza un concerto da súa banda de música para celebrar o Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pleno fugaz e sen asuntos polémicos para non empañar a entrega dos Cidade de Pontevedra
Por Redacción |