A Xunta recoñece unha chapuza nas obras dun colexio de Bueu
Por Redacción
As obras de reparación da cuberta do CEIP A Pedra de Bueu tiveron unha "mala execución". Así o recoñeceu a Xunta de Galicia este xoves. Esta reacción prodúcese xusto o mesmo día no que saiu á luz que a asociación de pais do centro pediu aos alumnos que levaran cubos para sembrar deles o ximnasio en protesta polas goteiras que afectan ás instalacións deportivas.
A Asociación de Nais e Pais (ANPA) expricou que entre os obxectivos desta protesta estaba o de meter presion á Consellería de Educación para que subsanasen as deficiencias. O mesmo día en que se coñeceu, a Xunta emitiu un comunicado no que anuncia que as "obras de mellora do teito do ximnasio do CEIP A Pedra de Bueu iniciaranse de xeito inmediato tras detectar unha mala execución dos traballos por parte da empresa adxudicataria".
A Xefatura Territorial de Cultura e Educación recoñece que a "cuberta presenta un problema arrastrado das pezas do aparafusado, que, ao carecer de goma de caucho, é dicir, de protección, filtra a auga da choiva ao interior do ximnasio".
A reparación da cuberta é unha actuación realizada en 2011, pero, segundo denuncian dende a ANPA do centro, paralizáronse. A Xunta explica que tivo coñecemento de que a obra tiña deficiencias a través da propia dirección do centro.
O custo das novas obras "o será afrontado a través da fianza aportada pola adxudicataria"
De feito, as obras inminentes que se van realizar faranse conforme a un informe solicitado polo xefe territorial de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, despois de visitar hai uns días o centro e detectar a entrada de auga no ximnasio.
"Acudimos ata o centro invitados pola dirección, que nos pediu que comprobáramos a situación e que motivou que solicitara finalmente un informe técnico que avaliase a causa do problema", expricou.
"Como son moitas as pezas que hai que cambiar, a mellor solución, segundo os técnicos, é levantar a chapa exterior e substituíla, algo que se realizará nos próximos días", indicou Pérez Ares.
Ao detectar unha mala execución dos traballos por parte da empresa que levou a cabo a obra, e que nestes intres se atopa en suspensión de pagos, "o custo será afrontado a través da fianza aportada pola adxudicataria".