Guillerme Vázquez, elixido presidente da Fundación Galiza Sempre
Por Redacción
O exvoceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, foi elixido este sábado como presidente da Fundación Galiza Sempre.
O acto de constitución do novo padroado desta Fundación celebrouse no Museo do Pobo Galego, en Santiago.
O pontevedrés Guillerme Vázquez asume esta nova responsabilidade "coa intención de pretender ir xerando un círculo de persoas dispostas a colaborar neste debate".
A fundación, ademais, incorporou persoas do ámbito académico e social para reforzar o seu labor de análise.
Neste novo labor Vázquez estará acompañado polo escritor Suso de Toro, a profesora María do Carmo García Negro, o historiador Uxío Breogán Diéguez, o catedrático de Xeografía e exresponsable de Turismo co bipartito, Rubén Lois, ou o exdeputado, Bieito Lobeira, entre outros nomes destacados.
En palabras de Guillerme Vázquez, "o padroado é o grupo de persoas que vai dirixir a entidade vinculada ao BNG, aínda que desenvolve o seu traballo de xeito autónomo, e ten como obxectivo fundamental analizar a realidade socieconómica, política e cultural desde unha perspectiva nacionalista, difundir a historia deste País e promover o espazo da lusofonía".