A Xunta asegura que os produtos do mar que chegan ao consumidor por vías legais teñen todas as garantías
Por Redacción
A Consellería do Medio Rural e do Mar emitiu este sábado un comunicado para informar a cidadanía de que "os produtos do mar que chegan ao consumidor por vía legais teñen todas as garantías hixiénicas e sanitarias para o seu consumo".
Esta reacción do Goberno galego chega despois de que a Sociedade Galega de Historia Natural denunciase o nivel de metais encontrados na ría de Arousa sobre a base dun informe publicado nunha revista especializada por investigadores da Universidade de Vigo e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, no que se reflicte contaminación "severa" por cobre, arsénico e chumbo.
Sobre esta cuestión, a Consellería do Medio Rural e do Mar remarca que Galicia conta cun organismo público, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), que vela pola calidade dos moluscos extraidos en Galicia a través de informes favorables para a súa chegada á cadea alimenticia con todas as garantías hixiénicas e sanitarias para o seu consumo.
Ademais, subliña que "en relación con metais pesados, o Intecmar conta xa dende a década dos noventa cunha unidade específica para o seu control e seguimento que realiza uns 1.200 análises ao ano". "As mostraxes realízanse con carácter anual ou semestral e a determinación analítica faise por técnicas oficiais na UE empregando métodos de referencia e ensaios acreditados", agrega a Consellería.