
© Concello de Barro
Acordo de goberno en Barro entre o BNG e o PSdeG-PSOE

Por Anxo Lourido
O Bloque Nacionalista Galego e o Partido Socialista de Galicia alcanzaban un acordo este xoves 13 para cogobernar durante este mandato entre 2023 e 2027 no Concello de Barro.
Sinalan que ese acordo alcánzase atendendo aos resultados das eleccións municipais que estableceron oito concelleiros de partidos de esquerda dun total de once neste municipio.
O BNG contará cunha dedicación exclusiva, retribuída con 34.400 euros anuais, mentres que o PSdeG-PSOE disporá de media dedicación exclusiva cun montante de 17.000 euros anuais.
Os obxectivos do goberno para estes catro anos centraranse en desenvolver unha acción cohesionada cun incremento de servizos municipais e traballando para que Barro sexa un concello atractivo para vivir, traballar e gozar.
Tamén se promoverán políticas baseadas na sustentabilidade, a mellora ambiental e a eficiencia enerxética. Ademais, propóñense unha acción de goberno transparente, aberto a todos os colectivos e entidades locais. Por último, fomentarán o asentamento de empresas limpas no municipio para aumentar o tecido industrial; impulsar políticas sociais; e traballar conxuntamente en áreas de especial interese.
Ao BNG corresponderalle a alcaldía, que seguirá ocupando Xosé Manuel Fernández Abraldes; e a segunda tenencia de alcaldía. O PSdeG-PSOE quedará coa primeira e coa terceira tenencia de alcaldía.
As xuntas de goberno estarán compostas por catro concelleiros, dos que dous corresponden ao BNG e outros dous ao PSdeG-PSOE, con presidencia correspondente ao alcalde.
As comisións estarán formadas por sete concelleiros con tres integrantes do BNG; dous do PSdeG-PSOE; un de Xuntos e un do PP.
A formación nacionalista ocuparase das seguintes áreas: Sanidade; Servizos Sociais; Seguridade viaria; Accesos a núcleos; Humanizacións; Medio Rural; Cultura; Deporte; Xuventude; Patrimonio; Medio Ambiente; Promoción económica e Emprego.
Os socialistas serán responsables de Obras; Servizos; Benestar; Educación; Muller; Igualdade; Participación veciñal; Festas parroquiais; Turismo e feiras.
Relacionadas:
-
Así queda conformado o goberno local de Barro
Por Redacción |
-
O PP de Barro lamenta que o bipartito "esquilme as arcas municipais" cun aumento dos gastos en salarios
Por Redacción |
-
Xuntos por Barro ofrécese a negociar para facer alcalde ao candidato do PSOE
Por Oskar Viéitez |
-
28M | Abraldes (BNG) repetirá na Alcaldía pero terá que pactar e o ex alcalde Landín regresa con dous concelleiros
Por María José Pita |